A XUNTA FORMA EN VIGO A MULLERES DE ÁFRICA PARA FOMENTAR O ASOCIACIONISMO NO SECTOR DA PESCA
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación, e a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) formarán a partir de mañá en Vigo a funcionarios de pesca, dirixentes, e mulleres da África lusófona e de Guinea Ecuatorial para fomentar o asociacionismo feminino no sector da pesca e da acuicultura.
O Seminario Avanzado en Asociacionismo de Mulleres no Sector da Pesca e da Acuicultura, promovido pola AECI e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), desenvolverase ata o 15 de xuño na sede da Fundación CETMAR, en Vigo. Trátase do seminario avanzado que realiza o Centro Tecnolóxico do Mar neste eido; os anteriores versaron sobre xestión pesqueira e acuícola.
Este encontro ten como finalidade formar a dirixentes e postos medios da Administración pesqueira de Mozambique, Angola, Cabo Verde, Santo Tomé e Príncipe, Guinea Bissau e Guinea Ecuatorial na aplicación responsable de medidas para favorecer o papel da muller no sector da pesca e da acuicultura. Nel participarán 18 alumnos, na súa maior parte mulleres.
O programa de formación foi deseñado dende un enfoque multidisciplinar, de xeito que se achegue unha visión completa sobre os principais factores a ter en conta no desenvolvemento do asociacionismo nestes dous sectores produtivos. Así mesmo,se terán en conta o punto de partida de cada un destes países africanos en canto ao papel desenvolvido pola muller. O cadro de formadores está integrado por especialistas procedentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, do mundo universitario e empresarial.
Como actividade complementaria á formación teórica se realizarán visitas guiadas, obradoiros prácticos e mesas redondas de debate e consulta. Así, terán ocasión de visitar a Axencia de Desenvolvemento Local de Galicia, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) e diversas instalacións de cultivo de ostra, unha lonxa, unha confraría de pescadores e asociacións de redeiras.
O seminario permitirá aos participantes establecer relacións institucionais e persoais que poden contribuír no futuro a mellorar a cooperación na rexión para favorecer a aplicación de estratexias de desenvolvemento social vinculadas á pesca e a acuicultura.
Fomento do asociacionismoA dirección xeral de Cooperación Exterior da Xunta defende a promoción do asociacionismo como método de desenvolvemento dos sectores produtivos. Trátase de promover a unión de esforzos para xerar sinerxías e o efecto multiplicador da actividade que se leva a cabo. Así mesmo, se estima fundamental incluír a todos os axentes implicados no sector para acompasar o desenvolvemento económico con estratexias de acción social e políticas medioambientais.
De xeito paralelo, con esta actuación preténdese fomentar a implementación de políticas dirixidas a mellorar o papel da muller no sector dende o nivel institucional. A muller ten xogado historicamente un papel de relevancia no sector pesqueiro que non sempre está recoñecido. Esta situación leva á escaseza de políticas de apoio e mellora das súas condicións sociais. En Galicia, o enfoque de xénero nesta actividade produtiva se ten abordado dende a perspectiva do asociacionismo, de xeito que se ten fomentado a agrupación de mulleres como factor de desenvolvemento da súa actividade. É unha experiencia exitosa que pode ser aplicable nestes países de África.
Programa Nauta Este seminario enmárcase no programa Nauta, que ten como obxectivo contribuír ao progreso económico e social dos países de África a través do desenvolvemento do seu sector pesqueiro, facéndoo compatible coa conservación e xestión sostible dos recursos mariños. Nel se coordinan todos os actores públicos, privados e da sociedade civil da cooperación española para o desenvolvemento sostible que actúan en pesca en África. Trátase de dotar as actuacións dunha maior coherencia, eficacia e un maior impacto a través da suma dos recursos.
En Nauta participan, ademais do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación a través da AECI, os Ministerios de Traballo e Asuntos Sociais; Agricultura, Pesca e Alimentación; Economía; Educación e Ciencia e as Comunidades Autónomas de Galicia, Andalucía e Canarias.