Novas de Cooperación Galega
09/09/2025
Xeral

A Xunta impulsa a formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea recibiu hoxe as persoas beneficiarias das bolsas formativas convocadas
  • A preparación realizarase nas Oficinas da Cooperación Española da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento na República Dominicana, Guatemala, Bolivia e Mozambique e na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, en Santiago de Compostela

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, recibiu hoxe as persoas beneficiarias das bolsas de formación da Cooperación Galega, que teñen como obxectivo apoiar a aprendizaxe en cooperación internacional para o desenvolvemento, complementando a formación académica.

Así, os destinos de catro das persoas bolseiras serán as Oficinas da Cooperación  Española (OCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento en República Dominicana, Guatemala, Bolivia e Mozambique, países recollidos no V Plan Director 2023-2026 como prioritarios para a Cooperación Galega. As outras dúas bolsas están destinadas á formación na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, en Santiago de Compostela.

Nesta xornada de benvida, as persoas beneficiarias recibiron información sobre os destinos no exterior e as principais liñas de traballo da Cooperación Galega. Entre outras cuestións, esta primeira formación serviu para afondar nos proxectos que se están a desenvolver no exterior co financiamento da Xunta, cos que terán unha relación diaria.

No encontro, o director xeral remarcou a importancia destas bolsas para que a Administración e o sector da Cooperación en Galicia conten con profesionais solventes e comprometidos cun traballo capital para o desenvolvemento de países que precisan dun pulo en sectores estratéxicos ou aspectos nos que Galicia conta cunha vantaxe comparativa, como a pesca e acuicultura, o abastecemento e saneamento de auga, ou a agricultura e desenvolvemento rural.

Estas actividades están en liña cos principais obxectivos do V Plan Director 2023-2026, que inclúe a promoción da capacitación para o desenvolvemento das administracións públicas nos países e sociedades cos que traballa, o fomento da transmisión do coñecemento e a resiliencia, o apoio a proxectos de desenvolvemento social e o apoio á formación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación.