A Xunta inicia unha visita a Perú para coñecer de primeira man distintos proxectos de cooperación galega
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo unha xuntanza co ministro da Produción do país andino, Raúl Pérez-Reyes
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, iniciou hoxe unha visita a Perú para coñecer de primeira man varios dos proxectos nos que está traballando a cooperación galega.
O programa comezou hoxe coa reunión entre o vicepresidente da Xunta e o ministro da Produción do país andino, Raúl Pérez-Reyes. Un dos temas que abordaron no encontro foi, precisamente, unha misión de identificación que a cooperación galega está poñendo en marcha, en colaboración coa Fundación CETMAR, Anfaco-Cecopesca, Axuda en Acción e Amigos de Escaes Perú, para unha intervención sectorial de apoio á pesca artesanal e á acuicultura no departamento de Piura.
O obxectivo desta iniciativa, da que xa se realizou un primeiro diagnóstico, é acometer unha intervención de carácter integral na Baía de Sechura, tendo en conta factores de organización, produción e ambientais. Esta identificación desenvólvese ao abeiro dun Memorándum de entendemento marco para a cooperación asinado en 2015 entre o Ministerio de Produción de Perú e a Xunta de Galicia.
Durante o día de hoxe o vicepresidente da Xunta reuniuse tamén co embaixador de España en Perú, Ernesto de Zulueta e co persoal no país da oficina técnica de cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.
A partir de mañá desprazarase a Cuzco para visitar varios proxectos financiados pola Cooperación Galega e que se centran na mellora da calidade de vida da poboación local a través, fundamentalmente, da posta en valor e mellora da competitividade da produción agropecuaria local.