Novas de Cooperación Galega
10/11/2018
Xeral

A Xunta investiu máis de 4,3 millóns de euros en axudas á cooperación en Perú desde 2010

  • A maioría delas destináronse ao sector da educación, seguido polos sectores agrícola e pesqueiro
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe varios proxectos centrados na produción agropecuaria na zona de Cuzco

 

A Xunta leva investidos desde 2010 algo máis de 4,3 millóns de euros en axudas á cooperación para o desenvolvemento en Perú, considerado país estratéxico desde o I Plan director da Cooperación Galega de 2006-2009 e que, nos últimos anos, ten sido un dos máximos receptores de axudas na materia.

A maioría destes fondos foron canalizados de maneira indirecta, isto é, a través de distintas convocatorias de concorrencia competitiva e coa colaboración dos axentes de cooperación. En canto á distribución sectorial das axudas, o primeiro lugar ocúpao o sector da educación básica e a técnica vocacional (23,6%), seguida polo apoio ao sector da produción agrícola (20,63%) e do sector acuícola e pesqueiro (18,78%).

Precisamente, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe en Cuzco varios destes proxectos de cooperación que se centran, neste caso, na posta en valor da produción local agropecuaria. Todos eles, impulsados pola Fundación Taller de Solidaridad en agrupación coa Fundación Entreculturas Fe y Alegría e en colaboración coa entidade local Asociación Jesús Obrero -CCAIJO, desenvolvéronse entre 2014 e 2018 na provincia de Quispicanchi e recibiron unha subvención de preto de 420.000 euros.

A iniciativa centrouse, inicialmente, en agregar valor á produción agropecuaria de, fundamentalmente, lácteos e cuyes (cobaias). Grazas a este proxecto, fortalecéronse as capacidades técnicas de 94 produtores e produtoras, mellorando a calidade dos produtos lácteos e iniciando o proceso para facer o mesmo cos cuyes. Así o puido comprobar o vicepresidente da Xunta, durante a súa visita esta tarde a unha experiencia de sementeira e colleita na comunidade de Cuyuni, en Ccatcca.