Novas de Cooperación Galega
22/06/2019
Xeral

A Xunta investiu na última década preto de 1,5 millóns de euros en proxectos de cooperación en Guinea Bissau

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, visitaron algúns dos proxectos que levaron a cabo grazas ao financiamento da Cooperación Galega. Pola mañá achegáronse ata o centro CIDA, situado na propia cidade de Bissau, e construído e equipado con fondos da Xunta, en colaboración con Asemblea de Cooperación pola Paz ( ACPP) e o seu socio local Asociación Guineana de Estudos e Alternativas ( ALTERNAG). O Centro CIDA dedícase á prevención, diagnóstico e tratamento do VIH e tense convertido nun centro de referencia a nivel nacional, nun país coas taxas de prevalencia do virus máis altas de toda a África Occidental. Nas súas instalacións aténdese e realízase seguimento de máis de 1.300 persoas cada ano.

Pola tarde desprazáronse ata a zona rural do norte do país, á rexión de Bafatá. Alí coñeceron de primeira man o traballo que se desenvolve na escola primaria comunitaria de Sintchan Djida, que forma parte da Rede de escolas de autogestión apoiada pola Xunta. Este proxecto desenvolveuse en colaboración coa ONGD AIDA, Axuda, Intercambio e Desenvolvemento e os seus socios locais: o Comité Nacional de Prácticas Nefastas para a saúde das mulleres e a Infancia ( CNAPM) e a Asociación de amigos da Nenez (AMIC). Con esta iniciativa, búscase promover a dereito unha educación inclusiva e de calidade e loitar contra a explotación infantil, entre outros fins. Fai falta lembrar que en Guinea Bissau existe un importante problema de tráfico de persoas, que involucra moi especialmente aos nenos e nenas.

Por último, o vicepresidente da Xunta e o director xeral mantiveron unha reunión co Régulo de Cambadjú, a máxima autoridade tradicional da rexión, na que tamén participarán outros representantes comunitarios.