Novas de Cooperación Galega
22/01/2019
Xeral

A Xunta leva a cabo unha visita a Cuba para analizar as vías de colaboración abertas co país e explorar novas alternativas

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse onte co embaixador de España en Cuba, Juan Fernández Trigo
  • Nos próximos días, continuará mantendo encontros e visitará in situ un proxecto de cooperación que se está desenvolvendo da man de Unicef

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, está a levar a cabo unha visita a Cuba que ten como obxectivo principal analizar as vías de colaboración xa abertas co país e explorar, ao tempo, novas alternativas de cara ao futuro.

No marco desta viaxe, Gamallo mantivo onte unha xuntanza co embaixador de España en Cuba, Juan Fernández Trigo. Ademais da entrevista co embaixador, o director xeral reuniuse con todo o equipo directivo da Embaixada, entre os que se encontraban o cónsul de España na Habana, Carlos Ruiz, a agregada comercial, Mónica Junquera, e a responsable de programas da Oficina Técnica de Cooperación, Rosario Boned.

Durante ese encontro o director xeral puido coñecer de primeira man o estado xeral das relacións entre España e Cuba. Así, informóuselle sobre as posibilidades de investimento en Cuba, os fluxos comerciais existentes neste momento e a situación derivada da posibilidade de que os cidadáns cubanos (salvo determinadas profesións) poidan saír da Illa. Tanto o embaixador como o seu equipo mostraron o seu interese en fomentar a presenza de Galicia en Cuba.

Nos próximos días, o director xeral tamén se achegará a visitar in situ o proxecto de cooperación que se está desenvolvendo da man de Unicef, ademais de manter outros encontros de traballo con autoridades cubanas.
Nestas reunións, avaliaranse novas posibilidades de cooperación, como a de ofrecer cooperación técnica en ámbitos como o da pesca artesanal (a través do CETMAR) para aproveitar mellor os recursos da Illa e apoiar a seguridade alimentaria; ou do urbanismo, unha necesidade en distintas cidades cubanas.

Galicia vén colaborando desde 2004 con Cuba na posta en marcha de distintos proxectos de cooperación debido aos especiais lazos de unión con este país.