Novas de Cooperación Galega
08/04/2019
Xeral

A Xunta mantén unha reunión con activistas LGTBI do Salvador que están a visitar Galicia para compartir a súa experiencia na loita polos dereitos dos seus colectivos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, reuníronse esta mañá con activistas LGTBI do Salvador, de visita estes días na nosa comunidade.

A visita a Galicia de Bianka Gabriela Rodríguez, presidenta e directora executiva de COMCAVIS TRANS e Marcos Ignacio Molina, en representación do colectivo LGBTI na organización ORMUSA, está enmarcada no proxecto Cooperación Galega: o mundo que queremos 2018-2019. No marco desta visita están a levar a cabo charlas en centros educativos galegos co obxecto de que as alumnas e alumnos poidan coñecer a súa experiencia na loita polos dereitos do colectivo LGTBI no Salvador.

O proxecto Cooperación Galega: o mundo que queremos 2018-2019, financiado pola Xunta de Galicia e que xa se atopa na súa sexta edición, ten como obxectivo contribuír ao fomento dunha adolescencia galega consciente da interconexión entre as realidades locais e as dinámicas globais e ao apoio no exercicio da súa corresponsabilidade na construción da xustiza social, a través da educación para o desenvolvemento, a solidariedade e a loita contra a pobreza nos centros educativos galegos.

As entidades executoras do proxecto nesta última edición son Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), Asamblea de Cooperación por la Paz (ACPP) e Fundación Educación y Cooperación (EDUCO) e, polo tanto, as encargadas de levalo a cabo realizando, entre outras actividades, obradoiros e formacións dirixidas a docentes e alumnado e a creación dunha estratexia de comunicación específica que visibilice o conseguido ata o momento.

Así, na reunión celebrada esta mañá tamén estiveron presentes María Paz e María Caride, por parte de Solidariedade Internacional de Galicia; Rocío Cadahía, por AGARESO; Mónica Viqueira, por EDUCO e Alejandro Quiñoá, por ACPP.