Novas de Cooperación Galega
29/11/2018
Xeral

A Xunta mantén unha xuntanza con dúas activistas guatemaltecas e representantes da Coordinadora Galega de ONGD

  • Ambas activistas pertencen a organizacións indíxenas que reciben financiamento da Cooperación Galega a través de proxectos que presentan as ONGD galegas Arquitecturas sen Fronteiras, AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantiveron esta mañá unha xuntanza con dúas activistas guatemaltecas e representantes da Coordinadora Galega de ONGD.

Juventina López e Ita Xocol, que son a presidenta da Asociación Indíxena Agropecuaria Prodesarrollo Integral e a vicepresidenta da Rede mundial de radios comunitarias respectivamente, desprazáronse esta mañá a San Caetano onde relataron os beneficios que para as comunidades indíxenas están a reportar os proxectos de cooperación que se están a levar a cabo en Guatemala, todos eles financiados pola Cooperación Galega.

Ambas activistas pertencen a organizacións indíxenas que reciben financiamento da Cooperación Galega a través de proxectos que presentan ás ONGD galegas como Arquitecturas sen Fronteiras, AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz.

Juventina López é a presidenta de ASIAPRODI, asociación guatemalteca de base comunitaria, socia local de Arquitectura sen Fronteiras, que leva a cabo proxectos financiados pola Xunta no departamento de Retalhuleu, dende o ano 2008, e que contaron con axudas que superan os 2,6 millóns de euros.

Por outra banda, Ita Xocol como vicepresidenta en Guatemala da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC), participa nos Encontros rexionais de Radio Comunitaria, un dos proxectos financiados desde o 2017 pola Cooperación Galega en O Salvador, promovido polas ONGD AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz, e que contaron cunha axudas de máis de 507.000 euros.