Novas de Cooperación Galega
17/06/2019
Xeral

A Xunta organiza un curso para incorporar os obxectivos da Axenda 2030 ás políticas das administracións públicas galegas

  • A actividade formativa desenvolverase entre hoxe e mañá na Escola Galega de Administración Pública

 

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolle entre hoxe e mañá un curso, impulsado pola Xunta, que ten como obxectivo incorporar os obxectivos da Axenda 2030 ás políticas das administracións públicas galegas.

A actividade, baixo o nome A Axenda 2030 de desenvolvemento sustentable e a súa implementación nas administracións públicas galegas, está dirixida a dotar das competencias necesarias ao persoal da administración autonómica e da local, así como das universidades galegas.

O programa inclúe actividades que abordarán os antecedentes, obxectivos e metas da Axenda, así como exemplos de éxito na implementación da mesma noutras administracións e países. Tamén se tratarán aspectos ambientais e os novos retos da cooperación local e da acción exterior nun mundo global.

A xornada de mañá abrirase coa intervención da directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, quen dará unha charla sobre a comisión interdepartamental de seguimento da Axenda 2030 en Galicia, posta en marcha a comezos deste ano.

A Axenda 2030 foi subscrita en 2015 por 193 países e supuxo un cambio na concepción do desenvolvemento sustentable. Aborda os dereitos das persoas e colectivos máis vulnerables e promove medidas para conservar a natureza e facer un uso equilibrado dos recursos.

Ademais, a Axenda 2030 pon en valor a importancia do rol que poden desenvolver as políticas autonómicas e locais na aplicación dos seus principios, e considera que o enfoque de traballo de abaixo cara arriba pode resultar fundamental para contribuír a alcanzar os obxectivos fixados.