Novas de Cooperación Galega
14/05/2006
Xeral

A XUNTA PARTICIPA NA CAPACITACIÓN TÉCNICA E REFORZAMENTO ORGANIZATIVO DO SINDICALISMO NA ZONA ANDINA DE BOLIVIA E PERÚ

A Xunta de Galicia está a participar na capacitación técnica e reforzamento organizativo do sindicalismo na zona andina de Perú e Bolivia para erradicar a chamada economía “informal” que nestes dous países afecta a máis da metade dos traballadores. A Dirección Xeral de Cooperación Exterior colabora con preto de 45.000 euros o financiamento do proxecto que a Confederación Intersindical Galega (CIG) e mailo Instituto Latinoamericano de Cooperación e Desenvolvemento están a executar nesta zona dende o mes de xullo de 2005.

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse estes días en La Paz, Bolivia, cos responsables locais do programa “muller e economía informal” para coñecer de primeira man a evolución das actuacións. É a primeira das xuntanzas que mantén dentro da súa viaxe ao país andino para avaliar as 11 actuacións que a Xunta de Galicia está a desenvolver en materia de Cooperación ao desenvolvemento.

Segundo datos da Organización Internacional do Traballo (OIT) o 56,2% dos traballadores do Perú e o 55% de Bolivia se atopan nesta economía “somerxida”, incrementando a súa proporción cada ano nunha tendencia verificada en todo o continente americano. As cifras indican que o 86% da poboación latinoamericana que se incorporou ao mundo do traballo nos últimos 5 anos o fixo no sector da economía informal.

Participación da mullerA situación das mulleres é especialmente preocupante no que atinxe á esta característica. Tanto en Bolivia como en Perú os índices de emprego feminino en precario sobrepasa os ratios xerais. Así, temos que en Bolivia o 63,5% das mulleres traballadoras non está contratada regularmente, mentres que en Perú esta cifra acada o 63,5%.

Para facer fronte a esta problemática e recollendo as indicacións da OIT que sinala o reforzamento afiliativo, organizativo e institucional dos sindicatos da área andina como unha das prioridades para o período 2004-2007, a Xunta de Galicia está a colaborar neste proxecto de formación sindical. Preténdese aumentar a capacitación técnica das direccións sindicais para responder axeitadamente ás necesidades das organizacións sindicais de base, aumentar os cadros sindicais de dirección, incrementar a presenza de traballadores organizados no sector da economía informal e incorporar á muller na actividade orgánica sindical.

Na actualidade, as poboacións máis desfavorecidas laboral e socialmente non teñen capacidade individual de superar a situación na que se atopan. Ao mesmo tempo, as organizacións sociais que traballan con estas capas da poboación non teñen nin os recursos humanos, económicos nin materiais para chegar á maioría da poboación que necesita deles.

Por iso esta actuación está orientada a achegar os medios económicos que fagan posible que as organizacións sindicais desenvolvan iniciativas para mellorar a súa capacidade técnica e organizativa. Esperase acadar con ela unha estrutura sindicais máis reforzada, unhas direccións sindicais máis preparadas, un incremento afiliativo significativo e un incremento da presenza feminina nos órganos de dirección destas agrupacións

Formación para 900 traballadores En total, son 37 accións formativas entre xornadas, seminarios e talleres cunha duración de dous ou tres días, abarcando a maioría das zonas de Bolivia e Perú que benefician a preto de 900 traballadores.

Ata a actualidade xa se desenvolveron 34 obradoiros e quedan 3 encontros que terán lugar entre setembro e outubro deste ano en Lima, Arequipa e Tarma, en Perú.

En Bolivia executan estas actividades formativas a Corrente de Renovación Independente e Solidariedade Laboral (CRISOL) e nela participan os traballadores incorporados á Confederación Sindical de Gremiais (comerciantes ninoristas e viandeiros nas rúas), Confederación de Artesáns, Federación Nacional de Artesáns Expositores de Nadal, Alasita e viaxeiros ao interior e exterior de Bolivia, Asociación Nacional de Mulleres Palliris e o Servizo Integral para o Desenvolvemento da Muller.

En Perú, tamén están a participar os traballadores peruanos da Federación Nacional de Traballadores Vendedores de Golosinas, Federación Nacional de Traballadores dos Mercados, Federación de Traballadores Mototaxistas e Tricicleteros, Secretaría da Muller Traballadora e da Federación Nacional de Traballadores Ambulantes do Perú. A Central Autónoma de Traballadores do Perú (CATP) é a encargada de executar os cursos neste país.