Novas de Cooperación Galega
16/11/2021
Xeral

A Xunta participa na inauguración da exposición "De Oficio Defensoras" organizada pola Coordinadora Galega de ONGD con motivo do seu 30 aniversario

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado da subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, participou esta mañá na inauguración da exposición “De Oficio Defensoras” organizada pola Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento, con motivo do seu 30 aniversario.

Trenor destacou que o obxectivo do Goberno galego co apoio a este tipo de iniciativas é fomentar a conciencia e a sensibilización da cidadanía co fin de promover valores de responsabilidade e solidariedade. Neste senso, apuntou que os defensores e defensoras son persoas que actúan pacificamente para promover e protexer os dereitos dos pobos e individuos e lembrou que no ano 2019 304 defensores dos dereitos humanos foron atacados ou asasinados polo seu traballo en 31 países.

Doutro lado, o delegado transmitiu á Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento a felicitación da Xunta de Galicia polo traballo desenvolvido ao longo destes 30 anos. A Xunta de Galicia leva desde o ano 1997 colaborando con esta entidade para que poida levar a cabo as súas iniciativas.