Novas de Cooperación Galega
04/06/2024
Xeral

A Xunta participa no acto central da Campaña Mundial pola Educación no Parlamento de Galicia

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no acto central da Campaña Mundial pola Educación que tivo lugar no Parlamento de Galicia.
  • Trátase dun proxecto financiado pola Xunta de Galicia no marco da convocatoria de subvencións para proxectos de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global.

 

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta mañá na celebración do acto central da Campaña Mundial pola Educación en Galicia, ao que tamén asistiu. en representación do Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo.

O acto tivo lugar no Parlamento de Galicia hoxe 4 de xuño, foi presidido polo presidente do Parlamento de Galicia e nel participaron  representantes dos grupos parlamentarios, a representante da Campaña Mundial pola Educación e o alumnado dos centros educativos CEIP Vendas da Barreira, CEIP Víctor Sáenz, CPI Virxe da Cela, Colexio Maristas Lugo, e Universidade de Santiago de Compostela.

A Campaña Mundial pola Educación (en diante CME) é unha coalición internacional, presente en 124 países, formada por ONGD, sindicatos do ámbito educativo, centros escolares e movementos sociais de moi diverso signo que reclaman o cumprimento íntegro dos compromisos do "Cumio de Dakar" do ano 2000, onde a comunidade internacional comprometeuse a garantir o acceso a unha educación de calidade para todos e todas (ODS 4 da Axenda de Desenvolvemento Sustentable).

O obxectivo da CME é mobilizar á cidadanía para que esixa aos seus gobernos e á comunidade internacional que cumpran as súas promesas e se responsabilicen do destino de millóns de persoas aos que se exclúe do dereito á educación.

En Galicia organízase como un equipo territorial integrado dentro da Coalición Española da CME, representante en España da Global Campaign for Education, que actualmente está integrada por 4 ONGD (Educo, Entreculturas, Taller de Solidaridad e Ayuda en Acción) e a Universidade de Santiago de Compostela.

Cada ano, dende o 2008, as diferentes ONGD que se agrupan para levar a cabo a Campaña presentan á convocatoria de proxectos de Educación para o Desenvolvemento (EpD) da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE un proxecto coas actividades que van realizar en Galicia no marco da Campaña. A CME conta dende o ano 2008 con financiamento da Cooperación Galega.

A CME 2024 enmárcase nun proxecto plurianual aprobado na convocatoria de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global 2023-2024 e conta cun financiamento da Xunta de Galicia de 45.000 €.

O lema da Campaña en 2024 é “Transfórmate para convivir”, centrando o traballo na loita contra os discursos de odio, na aceptación das diferenzas e a resolución de conflitos, a través de educación enfocada en equipar e capacitar a toda a comunidade educativa -alumnado, profesorado, familias, cidadanía en xeral e responsables políticos- para ser capaces de examinar, cuestionar e cambiar as construcións sociais e culturais, que conduzan ás discriminacións.