A Xunta participa no reparto de fondos para actuacións en materia de acción humanitaria no marco do Convenio entre a Cooperación Descentralizada e a AECID
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE asistiu en Tenerife á reunión da Comisión de seguimento do convenio, na que participaron representantes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, da Federación Española de Municipios e Provincias e das 14 comunidades asinantes
- Decidiuse a distribución de dous millóns de euros das aportacións ao convenio correspondentes ao ano 2026 para a intervención conxunta e coordinada
O director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Santa Cruz de Tenerife na reunión semestral da Comisión do Coordinación do Convenio entre a Cooperación Descentralizada e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para a actuación conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria. No encontro seleccionáronse as intervencións que recibirán o apoio da Cooperación Española, estatal e descentralizada, de cara á posta en marcha de accións que palíen os efectos dalgunhas das máis importantes crises humanitarias vixentes.
Así, acordouse repartir dous millóns de euros entre distintas intervencións, cunha dotación de 400.000 euros para cada unha delas. Trátase do Programa Mundial de Alimentos (PMA), para garantir soberanía alimentaria e nutricional nos campamentos Saharauís; o programa educativo para nenos e nenas indíxenas non escolarizados a través de UNICEF (Fondo de Nacións Unidas para a Infancia) en Venezuela e o Fondo Humanitario Rexional OCHA (Oficina de Nacións Unidas para Asuntos Humanitarios) para América Central e Caribe, en apoio a Haití.
Súmase o apoio á xeración de medios de vida para as persoas desprazadas e as comunidades de acollida, con enfoque nexo para o reforzo da cohesión social en Gao, Tombuctú e Menaka, de ACNUR (Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados) en Malí e ao Chamamento do Fondo para a Poboación das Nacións Unida (FNUAP) para Afganistán. Ademais, decidiuse dotar con cerca de 800.000 euros un fondo de continxencia que poida ser activado ante posibles emerxencias internacionais ao longo do 2026.
Á reunión asistiron representantes da AECID, da Federación Española de Municipios e Provincias e das 14 comunidades autónomas asinantes do Convenio entre a Cooperación Descentralizada e a AECID, que forman parte da Comisión de coordinación do convenio de colaboración asinado con 2023 para a actuación conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria.
O convenio entre a AECID e a Cooperación Descentralizada xurdiu para a posta en marcha de actuacións coordinadas e conxuntas en materia de acción humanitaria, e foi asinado por primeira vez no ano 2015 por un reducido número de comunidades autónomas, entre as que xa se atopaba Galicia. O convenio vixente foi asinado en marzo de 2023, por un período de vixencia de catro anos prorrogables, e nel participan, ademais da AECID, a FEMP e 14 comunidades autónomas.