A Xunta participou no II Encontro Internacional de Mulleres Electas de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, organizado en Cabo Verde polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio da Xunta



O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na cidade caboverdiana de Praia no II Encontro Internacional de Mulleres Electas de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio da Xunta. Baixo o lema "Electas no local. Unha voz global", este Foro pretende promover novos espazos de diálogo e cooperación que contribúan a fortalecer e promover a participación política das mulleres, fomentando un sentido de pertenza e traballo colaborativo que facilite a cooperación horizontal entre as electas de Galicia con outras líderes de países de fala lusófona.
Por parte de Galicia participaron, ademais do presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, a alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, a alcaldesa de Muros, María Lago, a alcaldesa de Oímbra, Ana Mª Villarino, a alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, a alcaldesa de Salceda de Caselas, Mª Dolores Castiñeira, a tenente de alcaldesa de Santiago de Compostela, María Rozas, a tenente alcalde de Arteixo, Inés Ramos, a concelleira de Malpica de Bergantiños, Noelia Freijeiro, a concelleira de San Sadurniño, Mª do Carme Muiño, a concelleira de Ames, Uxía García, as concelleiras de Nigrán, Patricia Diego e Bibiana Peixoto, a concelleira de Burela, Patricia Eijo, e a decana da Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago, Marta Lois.
Na súa intervención, Jesús Gamallo destacou que “O título deste encontro evoca a conexión entre o local e o global. Nun mundo tan convulso, cunha situación xeopolítica en ebulición e imprevisible, o regreso ao propio, ás alianzas onde nos sentimos seguros, síntese como unha necesidade. Por iso interésame destacar que o encontro responde a varias prioridades da acción exterior de Galicia: o acercamento ao mundo da lusofonía, pola nosa especial vinculación con Portugal e a nosa actividade na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), e o cumprimento dos ODS das Nacións Unidas, que máis alá de falsas interpretacións, foron aprobados para mellorar a convivencia entre as nacións”.
Referiuse igualmente ao achegamento ao mundo da lusofonía coma un dos obxectivos fundamentais da Acción Exterior de Galicia. Nesta liña, salientou o labor da Comunidade Autónoma na incorporación do Reino de España como observador asociado na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, o que permite á Xunta estar presente nos grupos de traballo que se vaian creando de especial relevancia para Galicia, como os relacionados coa pesca, a cooperación ao desenvolvemento ou a difusión da lingua, engadiu.
O director xeral sinalou que “un paso máis no reforzamento dos lazos entre a nosa rexión e o mundo lusófono foi a creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade”. Este observatorio asesora ao Goberno galego en todas as medidas neste eido e actuará como foro de diálogo permanente entre as administracións e as entidades públicas ou privadas interesadas en fortalecer os vínculos coa lusofonía — Integra á sociedade civil e ás institucións con máis experiencia nesta materia.
Por outra parte, segundo sinalou o director xeral, a lusofonía foi sempre un criterio de referencia na definición e o establecemento das prioridades xeográficas na política galega de cooperación para o desenvolvemento. “A continuidade das alianzas de traballo cos países africanos de lingua oficial portuguesa constitúe un dos valores diferenciais da cooperación galega”, apuntou.
Así, o vixente V Plan director da cooperación galega recoñece o valor e a experiencia de traballo nestes países socios da acción exterior, incluíndo Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique entre os once países prioritarios.
Convenio de colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O II Encontro Internacional de Mulleres Electas de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, que está organizado polo Fondo Galego, enmárcase do convenio de colaboración que desde o a ano 2000 se ven asinando entre dita entidade e a Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes.
O convenio, asinado nos últimos anos cunha dotación de 60.000 €, ten como finalidade promover unha maior implicación e responsabilidade das deputacións e concellos galegos na área de cooperación ao desenvolvemento e difusión da Axenda 2030, e continuar así impulsando a Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS das Nacións Unidas.