Novas de Cooperación Galega
21/11/2018
Xeral

A Xunta pon en valor a importancia da coordinación de esforzos na cooperación ao desenvolvemento

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu hoxe aos actos de celebración do 30 aniversario da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID)

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu hoxe en Madrid á celebración do 30 aniversario da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).

O acto foi presidido polo ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, Josep Borrell, e contou coa presenza de representantes da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas, das corporacións locais e das entidades sociais vinculadas a este ámbito.

Durante as últimas décadas, a Xunta estivo traballando conxuntamente coa AECID -principal órgano de xestión da cooperación española- na execución de numerosas actuacións a través da sinatura de convenios de colaboración que teñen como obxectivo coordinar e sumar esforzos para acadar unha intervención efectiva en materia de cooperación para o desenvolvemento. Na actualidade a Xunta conta con catro bolseiros de cooperación en oficinas técnicas da AECID en América Latina e África.