A Xunta presenta o ‘I Programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos’
- O programa está a ser financiado polo Goberno galego a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da de Política Social e Igualdade
- Nesta primeira edición da iniciativa foron acollidas na comunidade as salvadoreñas Carolina Amaya e Gabriela Villaroel, e a dominicana Juana Ferrer
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, presentaron esta mañá o I Programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos. Trátase da iniciativa Galicia Abriga, co que a Xunta pretende garantir un espazo seguro a mulleres defensoras de dereitos humanos pertencentes a organizacións e movementos sociais de países nos que a Cooperación Galega ten presenza.
O programa enmárcase nun convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Consellería de Política Social e Igualdade coas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asociación Ecos do Sur. O acordo conta cunha dotación de máis de 50.500 euros, dos que a Xunta achega máis de 48.000 euros.
Deste xeito, o Goberno galego contribúe a que as mulleres defensoras de dereitos humanos que ven ameazada a súa vida ou integridade física e psicolóxica, con motivo do seu labor, poidan saír do contexto de risco no que se atopan, fortalecendo as súas capacidades e mellorando o seu benestar.
Para iso, cóntase cun equipo xestor formado polas tres ONGD galegas que participan no acordo e cunha rede de apoio formada por 15 organizacións sociais e universidades galegas.
Nesta primeira edición do Programa, as tres defensoras seleccionadas para vir a Galicia foron dúas mulleres xornalistas salvadoreñas, Carolina Amaya e Gabriela Villaroel, e unha defensora do territorio e das mulleres do rural dominicano, Juana Ferrer.