Novas de Cooperación Galega
25/05/2020
Xeral

A Xunta presenta unha declaración conxunta con todas as CCAA fronte á crise do COVID-19 baixo o lema “Da crise sáese cooperando”

  • As comunidades autónomas aportan máis de 2 millóns de euros aos campamentos de Tinduf e ás persoas refuxiadas palestinas
  • Esta tarde celebrarase o seminario virtual “Da crise sáese cooperando”, organizado polas CCAA e os entes locais para reflexionar sobre os desafíos que trae o COVID-19 á cooperación descentralizada

 

A Xunta presenta unha declaración conxunta con todas as comunidades autónomas enmarcada na crise do COVID-19, mediante a que se acordan propostas imprescindibles para promover o desenvolvemento sustentable nun mundo complexo, cambiante e interdependente, segundo consta no documento. A declaración, froito do acordo e do interese por impulsar accións conxuntas entre o Encontro Autonómico anual celebrado en Euskadi o pasado mes de febreiro e o que se levará a cabo en Estremadura no 2021, persegue un obxectivo común para as 17 comunidades autónomas e nove Fondos de Cooperación que subscriben o documento que é situar no centro o benestar e a vida digna de todas as persoas e futuras xeracións.

Así, segundo se recolle no documento, as comunidades autónomas e entes locais apostan por consolidar alianzas e consensos políticos e sociais que permitan á cooperación continuar investindo e contribuíndo a garantir un presente e un futuro sen deixar ninguén atrás,cunha clara aposta polo consenso dentro da política de cooperación para o desenvolvemento.

Neste sentido, e ante os impactos ocasionados polo COVID-19 nas distintas sociedades, que acelerarán sen dúbida unha transformación global tanto a nivel económico, como social e político, desde a cooperación descentralizada proponse abordar os desafíos existentes desde unha perspectiva local-global, que sexa coordinada e complementaria.

Doutra banda, as cooperacións descentralizadas sinalan a necesidade de equilibrar o urxente e o importante, xa que a gravidade da situación obriga a priorizar tamén aspectos a medio e longo prazo, como a revalorización dos bens públicos globais, as consecuencias do cambio climático, ou as causas das grandes migracións. Entre os acordos reflectidos nesta declaración conxunta, que responden a retos que se puxeron de relevo coa pandemia, figuran os de avanzar cara á sustentabilidade, reforzar o público, reducir as brechas (tamén a dixital) e a aposta polo local.

Por último, apostan tamén polo fortalecemento da sociedade civil organizada e a súa participación no deseño, xestión e avaliación das políticas públicas, xa que desde a súa proximidade ás poboacións máis vulnerables poden garantir a defensa dos seus dereitos e que ninguén quede atrás, aseguran desde a Cooperación descentralizada. “A solidariedade internacional é unha responsabilidade compartida e imprescindible para garantir o futuro do planeta”, conclúe o escrito conxunto.

 

Máis de 2 millóns de euros destinados aos campamentos de Tinduf e á poboación refuxiada palestina

Xunto coa Declaración conxunta das cooperacións descentralizadas fronte á crise do COVID-19 “Da crise sáese cooperando”, as comunidades autónomas sinalan este xesto conxunto de solidariedade como resposta aos retos na actual conxuntura. Neste marco, as comunidades autónomas dan resposta a dúas chamadas que teñen que ver coas poboacións desprazadas e refuxiadas en situación de especial vulnerabilidade agardada pola crise do COVID-19 e que da resposta a especiais necesidades dos campamentos saharauís de Tinduf e a persoas refuxiadas palestinas a través da UNRWA (Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo). Para estas iniciativas concretas, as comunidades autónomas aportan 2.455.000 €.

Cada comunidade autónoma mantén as súas propias políticas de cooperación e liñas de subvencións e axudas. Esta iniciativa conxunta é unicamente un xesto para exemplificar e poñer de manifesto o noso compromiso coa solidariedade local global e o papel que as comunidades autónomas teñen que seguir desempeñando pola cooperación para o desenvolvemento.

 

Seminario virtual “Da crise sáese cooperando”

Para continuar coas reflexións sobre os desafíos que o COVID-19 lle plantexa á cooperación descentralizada, as direccións e axencias de cooperación das comunidades autónomas e os fondos de cooperación para o desenvolvemento celebrarán esta tarde, ás 18:00h, un seminario virtual que se poderá seguir en https://www.youtube.com/watch?v=vP3fZtRFsnQ. Nel, varias persoas expertas aportarán reflexións que sirvan para identificar os principais retos para a cooperación descentralizada, así como elementos a ter en conta para a toma de decisións neste contexto.

Documentos