Novas de Cooperación Galega
31/10/2018
Xeral

A Xunta preside a primeira reunión de coordinación do convenio de cooperación asinado entre a AECID e varias comunidades autónomas

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu a esta xuntanza, na que tamén participaron representantes da AECID e varias comunidades autónomas
  • No encontro decidiron destinar os fondos deste ano á atención da poboación refuxiada saharauí en Alxeria, á poboación refuxiada palestina en Siria así como ás persoas que percorren as rutas migratorias americanas e á poboación desprazada nixeriana polo conflito de Boko Haram

 

A Xunta de Galicia presidiu hoxe a primeira reunión da Comisión de coordinación do convenio asinado entre a Axencia Española de Cooperación Internacional e para o Desenvolvemento (AECID), 10 comunidades autónomas -incluída Galicia- e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) co fin de promover unha actuación conxunta en materia humanitaria.

No reunión desta mañá, que tivo lugar en Santiago de Compostela, tomaron parte representantes da propia AECID e das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Comunidade Valenciana, Canarias, Baleares, Madrid e Castela e León. Actualmente, correspóndelle a Galicia a quenda rotatoria da Presidencia.

No marco do convenio, asinado o pasado 3 de outubro, adquiriuse o compromiso de destinar unha contía anual para actuacións de organismos multilaterais especializados en materia de acción humanitaria. En concreto, a AECID comprometeu 1 millón de euros anuais e cada comunidade autónoma, 50.000 euros. Como novidade sobre o convenio asinado en 2015, nesta ocasión inclúese a reserva dunha porcentaxe de, polo menos, un 30% para un Fondo de Continxencia que será obxecto de activación ante unha emerxencia sobrevinda.

Deste xeito, na reunión celebrada hoxe decidiuse destinar os fondos deste ano, que se elevan a 1.500.000 euros, a asistir á poboación refuxiada en Alxeria e Siria, así como ás persoas que percorren as rutas migratorias americanas.

En concreto, destinaranse 500.000 euros como apoio ao Programa Mundial de Alimentos (PMA) para os Campamentos de Refuxiados Saharauís en Alxeria. De tal xeito darase continuidade ao apoio que comezara no marco do anterior convenio (2015-2017) coa finalidade de garantir o acceso a unha cesta básica de alimentos secos, que se entregan mensualmente ás persoas refuxiadas saharauís nos cinco campos que se atopan próximos a Tindouf en Alxeria.

Ademais, investiranse 500.000 euros no apoio á UNRWA (Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados palestinos) para que sexan empregados no Plan de resposta á emerxencia en Siria, co obxectivo de prestar protección á poboación refuxiada de orixe palestino a través de axuda en efectivo, dando tamén continuidade ao apoio prestado no marco do anterior convenio en 2016 e 2017.

Os restantes 500.000 euros, procedentes do Fondo de Continxencia, decidiuse que se destinarán a atender o seguinte: por un lado, un chamamento de emerxencia da Federación Internacional da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella para propiciar asistencia e protección urxente e inmediata ás persoas que percorren as rutas migratorias da rexión americana (e que neste momento son, fundamentalmente, venezolanas) e, por outro lado, o apoio á Axencia das Nacións Unidas para Asuntos Humanitarios (OCHA), a través dunha aportación dineraria ao Fondo Humanitario de Nixeria para prover de axuda humanitaria ás persoas desprazadas polo conflito xerado polos ataques do grupo terrorista Boko Haram no nordeste de Nixeria.