A XUNTA PRIMARÁ PROXECTOS QUE MELLOREN AS CONDICIÓNS DE VIDA DAS MULLERES
Dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia recordouse hoxe que como prioridade transversal e sectorial a todos os seus proxectos, a Cooperación Galega destaca a promoción da igualdade entre mulleres e homes. Esa igualdade foi asumida dende un principio como reto para favorecer a mellora das condicións de vida dos países coa renda máis baixa do mundo, e por iso quedou incluída dentro do I Plan Director da Cooperación Galega.
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a destinar 561.000 euros no 2007, a proxectos de cooperación e sensibilización cos que se pretende mellorar a situación da muller en moitas comunidades do Sur e concienciar a poboación galega sobre a necesidade de acadar unha igualdade de dereitos real entre homes e mulleres.
No 2008, a Dirección Xeral primará aqueles proxectos que procuren a mellora das condicións de vida das mulleres, a igualdade de sexos e a integración laboral, valorando de xeito positivo este tipo de actuacións. Queda patente na cooperación directa da Dirección Xeral, que a igualdade e a saúde da muller non son soamente unha prioridade transversal a todas as actuacións, senón tamén unha prioridade sectorial específica. É o caso do traballo conxunto que se está a facer coa Municipalidade de Toro Toro (Bolivia) na procura do fin de maltrato e o desemprego de mulleres; ou da segunda fase da ampliación da capacidade docente e clínica do Hospital Escola de Polana Caniço (Mozambique).
Así mesmo, dende este departamento da Xunta de Galicia, quixose recordar que se están a levar a cabo actuacións nas que se colabora con outros axentes de cooperación, e que non só promocionan a igualdade, senón que tamén tratan a saúde das mulleres e a súa educación en temas especialmente relacionados coa saúde reprodutiva e perinatal.
Entre eles destacan a asinada coa ONG Farmamundi, pola mellora da saúde sexual reprodutiva e a participación das mulleres en Matagalpa (Nicaragua); ou con Médicos del Mundo, traballando para impulsar a cultura de equidade da saúde sexual e reprodutiva en adolescentes, mulleres e homes en tres municipios do Departamento de Colón (Honduras).
Como complemento a estas actuacións, e recollendo as propostas que manan do Parlamento de Galicia, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior ten previsto traballar para mellorar a situación das miles de mulleres que no mundo se ven afectadas pola fístula obstétrica. Esta lesión ven derivado de dificultades no parto, afecta a máis de dous millóns de mulleres no mundo, e se cree que cada ano aparecen entre 50.000 e 100.000 novos casos.