Novas de Cooperación Galega
23/11/2018
Xeral

A Xunta reafirma o seu compromiso de colaboración coa Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe coa directora executiva da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos (UNRWA-España), Raquel Martí
  • Ambas institucións asinan anualmente convenios desde o ano 2010

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe coa directora executiva do Comité español da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA), Raquel Martí, co obxectivo de dar continuidade á colaboración entre ambas institucións.

A Xunta e a UNRWA comezaron a colaborar en 2010, trala sinatura dun Memorando de entendemento. Desde ese momento e de maneira continuada, veñen asinando anualmente convenios de colaboración para apoiar o traballo desta Axencia, fundamentalmente no ámbito da seguridade alimentaria na Franxa de Gaza. O obxectivo é garantir o acceso a unha cesta básica alimentaria que mellore os índices nutricionais da poboación palestina.

Cómpre lembrar que a Franxa de Gaza é unha das zonas con maior densidade de poboación do mundo, e onde o 80% dos habitantes son dependentes da axuda internacional.

Ademais de colaborar na Franxa de Gaza, a Xunta e a UNRWA suman esforzos tamén para protexer ás persoas palestinas refuxiadas en Siria que se viron afectadas polo conflito no país. Neste caso, a actuación conxunta inscribiuse no marco do convenio entre a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECID) e as comunidades autónomas, e centrouse en proxectos de seguridade alimentaria e medios de vida.

No marco do novo convenio asinado recentemente entre a AECID e as comunidades autónomas, decidiuse continuar con este apoio a Siria a través da UNRWA, neste caso cun proxecto de axuda en efectivo dirixido á poboación palestina refuxiada en Siria.