A XUNTA RECOÑECE "O ESFORZO DIARIO E SEN HORARIOS" DAS PERSOAS QUE TRABALLAN A PROL DO DESENVOLVEMENTO, NO PRIMEIRO DÍA DO COOPERANTE
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, presidiu esta tarde en Santiago, o acto do Día de Cooperante, organizado pola Administración autonómica para sumarse á celebración establecida o pasado mes de abril polo Goberno central coa finalidade de “facer obxecto de recoñecemento público aos profesionais que traballan na cooperación para o desenvolvemento e que loitan todos os días por construír un mundo máis humano”.
Neste acto tamén participaron a Directora Xeral para Iberoamércia da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), Aurora Díaz-Rato, e tres cooperantes galegos que compartiron as súas experiencias neste eido cos asistentes ao encontro.
Na súa intervención, Fabiola Sotelo, subliñou a importancia da figura do cooperante “á hora de promover a educación, a saúde e os accesos aos servizos básicos para as poboacións excluídas” destacando o “esforzo desinteresado e a loita tenaz contra a pobreza e a fame que padece a maioría da humanidade”.
Neste sentido, apuntou a importancia “estratéxica” deste colectivo, integrado por máis de mil cincocentos homes e mulleres en todo o Estado, dos que “48 deles son galegos”. No en tanto, a directora xeral advertiu que este número é estimado e que a Administración galega está a preparar un censo de persoas que están a traballar en países empobrecidos. “O primeiro traballo obrigado que temos dende a Xunta de Galicia é coñecelos”, asegurou, e adiantou que “a partires de aí temos a vontade de difundir e dignificar o seu traballo”.
Sotelo lembrou que en todas as viaxes que ten feito dende que asumiu o seu cargo para coñecer de preto onde se invisten os cartos públicos que se dedican á cooperación, sempre atopou “moitos exemplos de galegos e galegas descoñecidas” na súa propia terra pero que “chegaron onde están tras moito esforzo de formación e práctica”. Son –dixo-“garantes dunha cooperación e unha axuda ao desenvolvemento de calidade”.
Incremento do número de bolseirosA directora xeral de Cooperación anunciou esta tarde que o vindeiro ano a Dirección Xeral de Cooperación dobrará o número de bolsas para participar en proxectos, de xeito que se poda contar cun bolseiro en cada un dos países considerados prioritarios. “O noso principal esforzo para asegurar a experiencia de futuros cooperantes vai, especialmente nunha primeira fase, no incremento de bolsas de formación, tanto en Oficinas Técnicas de Cooperación (OTC) da AECI, como en proxectos” propios da Administración galega.
Tamén citou a relevancia de programas como “Vacacións con traballo” ou a futura creación da “Rede de funcionarios cooperantes galegos”, coa que se pretende abrir novas canles de participación para permitir a funcionarios das Administracións local e autonómica achegar a súa experiencia e coñecementos en accións de cooperación internacional.
Contratación de cooperantes Por outra banda, Sotelo chamou a atención sobre a necesidade de profesionalización do sector en Galicia. Neste contexto, e aludindo a unha segunda fase de actuación do departamento que dirixe, informou que outro dos obxectivos é “a contratación de cooperantes ben para traballar nos principais países obxecto de actuación ou ben para o desenvolvemento de proxectos concretos”. Así, referiuse a incorporación, o vindeiro día 15, da primeira cooperante da Administración á dirección do proxecto Pesca en Centroamérica en Guatemala; e á próxima selección de tres técnicos para a identificación e seguimento de proxectos en Arxentina, Uruguai e Venezuela, países considerados preferentes para a cooperación galega.
Pola súa banda, a directora xeral para Iberoamérica da AECI, Aurora Díaz-Rato, salientou a vontade do Estado e do conxunto da sociedade de recoñecer a figura do cooperante. Segundo Díaz-Pardo “o consenso co que se aprobou o Estatuto do Cooperante di moito do compromiso do Goberno central con este tipo de políticas”. Dentro dos avances necesarios no eido da cooperación, sinalou que “os fundamentais serían a mellora das condicións laborais, a creación dun marco xurídico axeitado e acadar unha maior eficacia”.
Educación e sensibilizaciónOs tres cooperantes elixidos para representar aos galegos implicados en accións a prol do desenvolvemento en todo o mundo coincidiron en sinalar a educación e a sensibilización dos cidadáns dos países máis ricos do mundo como unha das prioridades do seu traballo.
Carlos Sánchez Pardo, xefe de misión de Solidariedade Internacional en Guatemala e con experiencia en Ecuador, Kosovo, Mozambique, Palestina e no Sáhara, apuntou á profesionalización, á superación do excesivo minifundismo das Organizacións non Gobernamentais (ONG) e o desenvolvemento do Estatuto do Cooperante como os principais retos actuais do terceiro sector. Na súa opinión, este día supón “unha oportunidade de dar a coñecer o traballo” deste colectivo e amosouse confiado en que a “cooperación galega adquira o nivel que precisa e merece”.
O membro de Enxeñeiros sen Fronteiras no Salvador, Víctor Vázquez, reivindicou a “normalidade da figura do cooperante” e referiuse a eles como “cidadáns preocupados”. “O noso traballo fundamental é –dixo- a incidencia política e a sensibilización” sobre a realidade “dos países do sur e o papel dos países ricos” como “actores principais” na procura das “solucións en temas como a débeda externa” ou as “inxustas regras do mercado”.
O Estatuto do Cooperante centrou a terceira das intervencións. Isolina Sánchez, cooperante do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) en Santo Tomé e Príncipe, aludiu a que este novo elemento “constitúe un primeiro paso para a construcción dun marco mínimo de protección dos cooperantes”, o que constitúe un “símbolo da vontade das Institucións e madurez da sociedade”.