Novas de Cooperación Galega
09/02/2021
Xeral

A Xunta reforza a súa colaboración internacional cunha intervención para previr a pandemia nas escolas de Mozambique

  • Esta actuación, que permitirá adquirir material de prevención e hixiene básica para once escolas, beneficiará a máis de 4.000 persoas na provincia de Manica.
  • A axuda tramitarase en colaboración coa organización non gobernamental Farmamundi, coa que a Xunta colabora desde o ano 2009.

 

A Xunta de Galicia reforza a súa cooperación internacional para o desenvolvemento cunha intervención para previr o avance da pandemia nas escolas de Mozambique, ás que se fará chegar material de prevención e hixiene a través da organización non gobernamental Farmamundi.
O avance da pandemia en Mozambique está a ser preocupante nas últimas semanas, con máis de 28.270 contaxios confirmados o 19 de xaneiro e 249 persoas falecidas nas últimas horas.

Especialmente grave é o caso da provincia de Manica, no distrito de Sussundenga, que rexistra máis do 61% dos casos confirmados no país, unha situación que se ve agravada pola densidade da poboación e as dificultades para acceder a servizos básicos como a auga.

Ante esta situación, a organización Farmamundi, coa que a Xunta asinou once convenios anuais de resposta ante emerxencias, pediu a colaboración da Xunta de Galicia, que investirá 9.000 euros na adquisición de material de prevención e hixiene básica fronte á emerxencia da Covid-19. A axuda farase chegar a once escolas do distrito de Sussundenga, onde a maioría dos centros educativos permanecen pechados por non poder garantir os servizos básicos necesarios para previr os contaxios. Desta intervención poderán beneficiarse máis de 4.000 persoas, na súa maioría mulleres e menores.

Farmamundi é unha organización de cooperación ao desenvolvemento, acción humanitaria e emerxencia especializada no subministro e axuda farmacéutica a organizacións humanitarias e países en desenvolvemento coa que Galicia colabora desde o ano 2009, primeiro a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia e, agora, a través da Vicepresidencia Primeira. A achega que Farmamundi distribuirá en Mozambique coa axuda da organización local United Purpose Foundation vaise executar ao abeiro do último convenio, asinado no 2020 por un importe de 50.000 euros.

Os convenios asinados nos últimos once anos permitiron destinar desde Galicia máis de 600.000 euros ás intervencións humanitarias de carácter internacional que desenvolve Farmamundi.