Novas de Cooperación Galega
01/06/2020
Xeral

A Xunta renova a colaboración cos comités españois das axencias das Nacións Unidas para apoiar proxectos de prevención e loita contra o coronavirus

  • O Goberno galego colaborará con UNICEF en dous proxectos en Venezuela e Cuba, e con ACNUR e coa Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA) na protección das persoas refuxiadas durante a pandemia.
  • O importe dos catro convenios ascende a 200.000 euros e será destinado a accións de carácter humanitario das tres entidades.
  • No IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021 identifícase a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación.

 

A Xunta vén de asinar dous convenios de colaboración con UNICEF e cadanseu co Comité español de ACNUR e UNRWA España, por un importe que ascende a 200.000 euros entre os catro proxectos. Trátase de iniciativas destinadas a accións de carácter humanitario, tal e como recolle o IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.

Concretamente, a colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e UNICEF Comité Español inclúe dúas iniciativas. Por unha parte, un acordo dotado con 100.000 euros para o desenvolvemento en Caracas do proxecto “Todos e todas á escola: programa de alimentación escolar no municipio Libertador do Distrito Capital, Venezuela.2020”, co obxecto de contribuír á mellora da asistencia e a permanencia de 583 familias de nenos e nenas de escolas públicas deste municipio do Distrito Capital de Caracas a través do subministro de bolsas de comida como complemento alimentario, así como a dotación de material e kits de hixiene para a prevención do coronavirus.

Ademais, o Goberno galego apoiará á dita entidade con 40.000 euros para levar a cabo na Habana Vella, en Cuba, un programa destinado á consolidación de contornos protectores para a infancia e a adolescencia, coa prevención de distintos tipos de violencia, incluíndo a violencia de xénero, así como apoiar o retorno ás súas actividades cotiás en contornos protectores e en condicións hixiénicas seguras, logo da situación provocada pola covid-19.

Ambos convenios inscríbense no marco estable de colaboración que o Goberno galego e UNICEF veñen mantendo durante os últimos anos. Entre 2012 e este ano, a Xunta ten investido máis de 819.000 euros en levar a cabo accións con UNICEF para axudar á infancia e adolescencia de distintos países.

Por outra banda, o convenio asinado co Comité español de ACNUR, que conta cun orzamento de 30.000 euros, ten por obxecto frear a actual pandemia do coronavirus, centrándose na protección de todas as poboacións desprazadas pola forza e, sobre todo, nos países que acollen grandes poboacións de refuxiados. O importe das achegas da Xunta de Galicia a actuacións de acción humanitaria a través da Asociación España con ACNUR no período 2008-2020 ascende a 480.000 euros.

Na mesma liña, enmárcase outro dos acordos asinados co Comité Español da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA España), que cun investimento de 30.000 euros centrarase en proporcionar atención médica fronte á pandemia á poboación refuxiada de Palestina na Franxa de Gaza mediante a provisión dos recursos sanitarios necesarios. O apoio da Xunta a UNRWA España entre 2008 e 2020 foi de case 360.000 euros.

Os proxectos anteriores intégranse no desenvolvemento do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, que identifica a acción humanitaria e a promoción do exercicio dos dereitos sociais básicos como prioridades sectoriais dentro da cooperación.