Novas de Cooperación Galega
30/04/2020
Xeral

A Xunta renova o convenio coa Coordinadora Galega de ONGD co obxectivo de mellorar e fortalecer o sector galego da coooperación ao desenvolvemento

  • A Coordinadora Galega de ONGD agrupa actualmente a 47 ONGD con presenza na nosa comunidade e forma parte da Coordinadora Nacional de ONGD.
  • Mediante este convenio realizaranse diferentes seminarios, conferencias e xornadas de formación, así como actividades encamiñadas a mellorar a visibilidade da cooperación galega para o desenvolvemento e a comunicación externa das ONGD.
  • O convenio conta cun orzamento de 100.000 euros.

 

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia, vén de renovar o convenio coa Coordinadora Galega de ONGD co obxectivo de contribuír a mellorar o sector galego de cooperación ao desenvolvemento mediante o fortalecemento da Coordinadora Galega de ONG. O convenio asinado conta cun orzamento de 100.000 euros.

A Coordinadora Galega de ONGD agrupa actualmente a 47 ONGD con presenza na nosa comunidade e forma parte da Coordinadora Nacional de ONGD. Mediante este convenio, melloraranse as capacidades técnicas e os procesos internos da Coordinadora, e das organizacións que agrupa. Realizaranse diferentes seminarios, conferencias e xornadas de formación, así como actividades encamiñadas a mellorar a visibilidade da cooperación galega para o desenvolvemento e a comunicación externa das ONGD.

Nesta liña, as actividades previstas no marco do convenio son a realización de encontros, xuntanzas e traballo conxunto con outros actores estratéxicos para os obxectivos das ONGD sociais e a política galega de cooperación ao desenvolvemento, así como a difusión de campañas de incidencia vinculadas coa defensa dos dereitos humanos e a loita contra as desigualdades.

Está previsto tamén continuar coa realización dun informe/Diagnóstico sobre a Cooperación Local,  o deseño dun Plan de Comunicación da Coordinadora aliñado co Plan Estratéxico 2017-2020 e a posta en marcha de espazos de reflexión e debate propios abertos á cidadanía sobre eixos temáticos de interese para as ONGD sociais, entre outros.

 

Antecedentes

A Xunta de Galicia vén colaborando dende 1997 coa Coordinadora no ámbito da sensibilización e fortalecemento institucional a través da sinatura dos correspondentes convenios. O importe das subvencións concedidas pola Xunta á Coordinadora Galega de ONGD en materia de cooperación para o desenvolvemento, nos ámbitos de sensibilización e fortalecemento, dende o ano 2009, ascende a  1.050.000 €.

O IV Plan director da cooperación galega 2018-2021 recoñece  o papel central que as ONGD cumpren no sistema de cooperación para o desenvolvemento, como actores relevantes para o diálogo de políticas e o fortalecemento do sistema galego de cooperación.

As ONGD son entidades con coñecemento experto para promover e xestionar intervencións de desenvolvemento e teñen como unha das súas misións a de fomentar a conciencia da cidadanía e a educación para o desenvolvemento no norte, co fin de promover valores de responsabilidade e solidariedade. Esta dobre tarefa xustifica o apoio que estas entidades reciben por parte da Xunta de Galicia e doutras institucións públicas, con cargo aos orzamentos respectivos.