Novas de Cooperación Galega
26/03/2021
Xeral

A Xunta renova o convenio coa Coordinadora Galega de ONGD para fortalecer o sector galego da cooperación ao desenvolvemento

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou hoxe o acordo coa organización, dotado con 100.000 euros, e que nesta ocasión incidirá na comunicación e visibilización do traballo das ONGD e no enfoque de xénero.

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou hoxe co presidente da Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento (CGONGD), Alejandro Quiñoá, o convenio para contribuír a mellorar o sector galego de cooperación ao desenvolvemento mediante o fortalecemento das entidades que se agrupan neste colectivo.

A Xunta mantén o orzamento de 100.000 euros, que nesta ocasión incidirá na comunicación e visibilización do traballo das ONGD a través dunha campaña comunicativa coincidindo co 30 aniversario da Coordinadora; así como no enfoque de xénero nas súas intervencións mediante a formación e o asesoramento individualizado necesarios.

Realizaranse ademais outras actividades como encontros e xuntanzas de traballo ou a difusión de novas a través das redes sociais relacionadas co sector da cooperación ao desenvolvemento co obxectivo de mellorar as capacidades das ONGD. Tamén está previsto o deseño de campañas vinculadas coa defensa dos dereitos humanos e a loita contra as desigualdades, a realización dun informe sobre o traballo das ONGD no mundo, ou a posta en marcha de espazos de reflexión e debate propios abertos á cidadanía sobre eixos temáticos de interese para as ONGD sociais.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE destacou que este apoio ten unha especial relevancia na situación actual marcada pola crise sanitaria da Covid-19 que está a repercutir no traballo das entidades sociais. Tanto polo aumento das necesidades das poboacións beneficiarias dos proxectos polo impacto das consecuencias da pandemia como as limitacións que esta impón para levar a cabo o seu traballo.

A Xunta vén colaborando dende 1997 coa Coordinadora no ámbito da sensibilización e fortalecemento institucional a través da sinatura dos correspondentes convenios. O importe das subvencións concedidas polo Goberno galego desde o ano 2009 superan os 1,1 millóns de euros.

O IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021 recoñece o papel central que as ONGD cumpren no sistema de cooperación para o desenvolvemento, como actores relevantes para o diálogo de políticas e o fortalecemento do sistema galego de cooperación.

As ONGD son entidades con coñecemento experto para promover e xestionar intervencións de desenvolvemento e teñen como unha das súas misións a de fomentar a conciencia da cidadanía e a educación para o desenvolvemento no norte, co fin de promover valores de responsabilidade e solidariedade. Esta dobre tarefa xustifica o apoio que estas entidades reciben por parte da Xunta de Galicia e doutras institucións públicas, con cargo aos orzamentos respectivos.