A Xunta renova o convenio coa Coordinadora Galega de ONGD que agrupa a 46 organizacións galegas do sector da cooperación
- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asinou esta mañá a renovación do convenio co presidente da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento, Alejandro Quiñoá
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asinou esta mañá co presidente da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento, Alejandro Quiñoá, o convenio que renova outro ano máis a colaboración do Goberno galego coa Coordinadora que agrupa e representa a 46 ONGD galegas.
A Xunta de Galicia vén colaborando dende 1997 coa Coordinadora no ámbito da sensibilización cidadá e do fortalecemento do sistema galego de cooperación a través da sinatura dos correspondentes convenios. Para este ano, a Xunta aporta 90.000 euros, a mesma cantidade que nos últimos anos. Esta colaboración busca mellorar as capacidades técnicas e os procesos internos da Coordinadora e facilitar a realización de seminarios, conferencias e actividades de formación e asesoramento para mellorar a visibilidade da cooperación galega ante a cidadanía.
A Coordinadora galega de ONGD é unha asociación que agrupa na actualidade a 46 entidades que traballan no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, a acción humanitaria e de emerxencia, a educación para o desenvolvemento e a incidencia política. Naceu no ano 1991 e ten como misión principal contribuír á erradicación da pobreza nun marco de desenvolvemento sostible e de promoción dos dereitos humanos, un obxectivo no que conta co apoio da Xunta de Galicia. Dende o ano 2002 a Coordinadora está integrada, como membro de pleno dereito, na Coordinadora Nacional de ONGD.
O IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021 recoñece o papel central que as ONGD cumpren no sistema de cooperación para o desenvolvemento, como actores relevantes para o diálogo de políticas e o fortalecemento do sistema galego de cooperación, xa que son entidades con coñecemento experto para promover e xestionar intervencións de desenvolvemento e teñen como unha das súas misións a de fomentar a conciencia da cidadanía e a educación para o desenvolvemento no norte, co fin de promover valores de responsabilidade e solidariedade. Esta dobre tarefa xustifica o apoio que estas entidades reciben por parte da Xunta de Galicia e doutras institucións públicas, con cargo aos orzamentos respectivos.