Novas de Cooperación Galega
11/11/2018
Xeral

A Xunta visita proxectos de desenvolvemento postos en marcha grazas á cooperación galega en Perú

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, coñeceu de primeira man varias destas iniciativas destinadas a mellorar a vida local

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, está a visitar en Perú distintos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que se puxeron en marcha grazas á Cooperación Galega. Entre outros, desprazouse a visitar varias iniciativas situadas na zona de Cuzco e centradas no sector agropecuario.

Os proxectos, impulsados pola Fundación Taller de Solidaridad en agrupación con Entreculturas Fe y Alegría e en colaboración coa entidade local Asociación Jesús Obrero -CCAIJO, teñen como principal obxectivo a posta en valor e mellora da competitividade da produción local.

Así, ademais de impulsar inicialmente un proxecto para agregar valor á produción agropecuaria, tamén se centraron na mellora da competitividade. O obxectivo foi incorporar a xestión empresarial como elemento fundamental para mellorar a competitividade das actividades económicas. Deste xeito, 132 produtores comezaron a manexar mellor conceptos relacionados coa competencia e os mercados; ademais de que se fixo fincapé na importancia dos custos de produción e calidade dos produtos.

Ademais, tamén impulsaron unha iniciativa para o desenvolvemento dunha ruta agroalimentaria gastronómica co obxectivo de incorporar o turismo como unha actividade que contribúa ao dinamismo da economía do territorio. Traballouse con 189 produtores locais da zona e con operadores de restaurantes rurais, baixo un enfoque de sustentabilidade e desenvolvemento económico inclusivo.

O vicepresidente da Xunta tivo hoxe a oportunidade de coñecer de primeira man esta ruta, ademais de comprobar outros efectos positivos dos proxectos a través da visita a unha das plantas familiares de produción de derivados lácteos, así como ás tendas de venda e a unha sala de maduración de queixos da zona.

Cómpre destacar que entre algúns dos efectos positivos que se acadaron con estes proxectos destacan a mellora dos procesos de elaboración dos queixos, a implementación dun sistema continuo de control de calidade, unha elevada participación das mulleres como responsables das unidades produtivas ou económicas, o aumento da produción de coellos de indias, ou o bo funcionamento dos restaurantes rurais e das tendas de lácteos.