A organización internacional de voluntariado AFS Intercultura desenvolverá mañá 26 DE SETEMBRO accións simultáneas en España e noutros 14 países, coa fin de favorecer o diálogo intercultural, coincidindo coa celebración do Ano Europeo do Diálogo Intercultural.
AFS Intercultura, en colaboración coa Fundación Anna Lindh, declarou a xornada de mañá, 26 de setembro, Día do Diálogo Intercultural.
Durante toda a xornada, miles de voluntarios desta organización internacional de voluntariado, presente en 50 países, promoverán a idea do diálogo intercultural a través de accións paralelas en 400 cidades europeas, exipcias e tunisianas.
De Lisboa a Moscova e de Reikiavik ao Cairo, os voluntarios desenvolverán actividades para estimular o diálogo entre culturas e para sensibilizar sobre a importancia de potenciar unha cidadanía europea activa.
CINEFÓRUM, DANZA E GASTRONOM&ÍA
Segundo informaron os organizadores, as localidades que participarán nesta celebración en España son Burgos, El Ejido (Almería), Selecta e Sada (A Coruña), onde voluntarios de AFS Intercultura expertos en interculturalidade prepararon actividades de moi diversa índole, como cinefórum, danzas, xogos de rol ou actividades culinarias.
Todas elas teñen un compoñente educativo, sen deixar de lado o aspecto lúdico, co fin de que resulten atractivas para distintos públicos.
Esta iniciativa enmárcase na Campaña "1001 Accións para o Diálogo" da Fundación Anna Lindh, que conta co financiamento desta fundación e da Comisión Europea.
Sada Os festexos comezarán mañá ás 11:00 na Casa da Cultura Pintor Llorens, onde se poderá gozar dunha exposición visual e presentacións de Tailandia, Turquía, Finlandia, Australia, Nova Zelandia e Estados Unidos. O 27 e 28 celebrarase unha convivencia na asociación cultural A Meda do Castro. Nesta acción participarán os mozos que van cursar un programa intercultural coa institución educativa.
ANO DO DIÁLOGO INTERCULTURAL
O Día do Diálogo Intercultural celébrase nun ano, 2008, declarado pola Unión Europea como Ano Europeo do Diálogo Intercultural e por Nacións Unidas como Ano Internacional dos Idiomas para fomentar o Multilingüismo, a Unidade e a Comprensión Internacional. Así mesmo, escolleuse o 26 de setembro para desenvolver este proxecto por tratarse do Día Europeo das Linguas.
Segundo Patricia Greene, directora de AFS Intercultura en España, "o Día do Diálogo Intercultural representa unha oportunidade para crear espazos de diálogo e convivencia tan necesarios hoxe. Invitamos aos cidadáns e cidadás a sumarse a esta iniciativa paneuropea, porque ao coñecer outra cultura, enriqueces a túa".
FONTE