A subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, inauguraron onte mércores, 1 de outubro, a mediodía, a campaña “Achégate á Cooperación Galega” en Caldas de Reis, coa instalación da plataforma móbil da exposición na Praza das Palmeiras.
A inauguración en Caldas contou coa presenza dos rapaces do colexio San Fermín, que de seguido se integraron nas actividades e viaxaron polo mundo da man de Anxo Moure, quen, a través dos contos solidarios, os introduciu na realidade dos países en desenvolvemento.
Achégate! transmite o obxectivo de sensibilizar a poboación nas cuestións do desenvolvemento, contribuíndo así a sumar esforzos na loita contra a pobreza e na concienciación da sociedade. Esta difusión faise dunha maneira atractiva, a través de 20 paneis que amosan testemuños persoais e gráficos que relatan o labor desenvolvido pola Cooperación Galega nos 17 países prioritarios.
Ademais das fotos, Achégate conta con espazos didácticos, coma áreas de Actividades e Conta contos, un Rincón Multimedia e un Expositor de Comercio Xusto.
Os nenos, protagonistas esenciais
“Achégate á Cooperación Galega” promove a inclusión dos máis cativos na sensibilización, por medio de actividades lúdicas e educativas. Os centros escolares poden acudir á exposición en visitas escolares concertadas, mentres que as tardes ábrense a todo o público en alomenos dúas sesións, ás 16,30 e ás 17,15 horas.
Aparte dos contos solidarios xa mencionados, os cativos poden escoitar os “Cantos solidarios” do Bardo Abelardo, ou asistir ás representacións de Abdalaz, a miquiña da paz, e dos “Títeres solidarios.
Para incentivar a súa creatividade, hai tamén obradoiros de xoguetes feitos a man polos propios rapaces e de traxes tradicionais doutros pobos, ademais da elaboración dun Muro da Paz e dun Xornal de Boas Novas Solidarias.