Outras novas
04/09/2009
Outras novas

A AECID celebra a Semana da Cooperación 2009

Con motivo da conmemoración o 8 de setembro do Día do Cooperante, a AECID celebra entre os días 7 e 14 deste mes a Semana da Cooperación, na que haberá diferentes actos tanto en España coma no exterior, encamiñados a sensibilizar á sociedade sobre a importancia de dedicar os máximos esforzos posibles á erradicación da pobreza e á promoción do desenvolvemento.

A intención desta iniciativa é transmitila idea de que a cooperación é unha necesidade, especialmente en tempos de crise, recalcando a participación que teñen os cidadáns na mesma a través das institucións que os representan. Polo tanto, este ano o lema da campaña non xira en torno aos cooperantes en recoñecemento a súa importante contribución, senón que a mensaxe a transmitir é a seguinte: “A nosa Cooperación, a túa, agora máis que nunca". A celebración do Día do Cooperante convértese na celebración da Semana da Cooperación.

Outra das novidades deste ano é a importancia que cobra Internet para a difusión da campaña. A AECID habilitou unha páxina web oficial con información sobre a cooperación ó desenvolvemento, noticias, galería de fotografías, e recursos audiovisuais, entre outras achegas.

Nesta web tamén dáse conta de diferentes actividades que con tal motivo terán lugar en España e no estranxeiro, organizadas polos diferentes actores implicados no sector. Están programadas entre outras accións unha rolda de prensa, encontro Diálogos AECID, proxeccións audiovisuais, concertos, talleres, exposicións, e actividades para nenos.

Con esta iniciativa búscase promover unha maior coordinación entre os diferentes axentes nacionais vinculados coa cooperación, así como darlle unha ampla visualización a esta conmemoración.