Outras novas
21/04/2015
Outras novas

Alumnado dos colexios Juventud e Vilas Alborada fórmase en valores a través da radio no marco do proxecto Escolas sen Racismo de ACPP e Agareso

 Máis de 30 estudantes dos colexios Juventud e Vilas Alborada, en Santiago de Compostela, participan nos obradoiros de radio para a educación en valores promovidos pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). Trátase dunha das múltiples actividades de educación e comunicación para o desenvolvemento encadradas no movemento europeo Escolas sen Racismo, que engloba a máis de 500 centros educativos.

Alumnado de 6º curso asiste ao obradoiro radiofónico que se desenvolve no Vilas Alborada os luns de 15.30 a 17 horas, ata o 18 de maio. A vindeira semana rematarán as sesións con 5º de Primaria no Colexio Juventud, que teñen lugar os martes de 10 a 11.30 horas. A rapazada prepara un programa final con reportaxes ou entrevistas sobre temas sociais e solidarios, como vén de facer polo Día Mundial contra a Explotación Infantil. Búscase empoderalos para lanzaren as súas propias mensaxes e fomentar así a participación social.

Durante seis xornadas, o alumnado aprende sobre os xéneros xornalísticos, pero tamén adquire pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático. Contribúese deste xeito a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo. Os seus avances pódense seguir no blog www.agareso.org/esr.

Senllos colexios están a acoller ademais outras actividades do programa Escolas sen Racismo, como contos para combater prexuízos e respectar a diversidade, ou o teatrofórum, no que se presenta algún conflito cotiá cuxa solución terá que representar o alumnado, favorecendo así a empatía e autoestima. No Juventud traballouse ademais un manifesto e a exposición ‘Mira Ti’, coa que se conciencia contra os prexuízos e a discriminación, mentres que no Vilas Alborada axiña se pecharán outras actividades.

Para valorar a interiorización dos contidos de todas estas propostas empregarase o chamado Test de Tolerancia, unha enquisa na que se expoñen situacións de discriminación con varias respostas alternativas. A iniciativa Escolas sen Racismo, que conta co apoio da Xunta de Galicia, desenvólvese neste curso en doce centros educativos nos que se traballa con variadas metodoloxías para fomentar a solidariedade e a igualdade.