Outras novas
09/12/2015
Outras novas

Arrinca a terceira edición do proxecto de educación para o desenvolvemento ‘O mundo que queremos’

 

Xa está todo listo para que mañá mércores comece unha nova edición de ‘Cooperación Galega: O mundo queremos’, un proxecto de educación para o desenvolvemento, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis e o IES Urbano Lugrís de A Coruña serán os centros encargados de inaugurar os obradoiros desta terceira edición.

Esta iniciativa educativa pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as realidades locais e as desigualdades globais, concienciando e implicando as novas xeracións na responsabilidade que todas e todos temos na construción dun mundo máis xusto e equitativo e utilizando para iso o potencial educativo da comunicación (podcast, imaxes, música e teatro) como medio para sensibilizar e transformar.

O fío temático son os novos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), así como experiencias de medios comunitarios vinculados a proxectos de cooperación internacional que serán presentados nas aulas a través de obradoiros de radio e fotografía e representacións de pezas do chamado ‘teatro da oprimida’. Tras os obradoiros, os rapaces e rapazas terán que crear os seus propios proxectos radiofónicos e fotográficos.

Todo o proceso de intercambio entre as diferentes realidades culminará na visita aos centros educativos de persoas dos países do Sur vinculadas á proxectos de cooperación para o desenvolvemento, e un encontro final intercentros no que todo o alumnado participante gozará dun concerto e amosará os traballos radiofónicos e fotográficos realizados durante estes meses de traballo.

Ademais do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis e o IES Urbano Lugrís de A Coruña, tres centros máis de Educación Secundaria (o IES Fernando Wirtz de A Coruña; o IES Isidro Parga Pondal de Carballo e o CPI Toural de Vilaboa) están inscritos nesta terceira edición, na que participan 514 alumnos e alumnas e 14 profesores e profesoras.

Este proxecto está a ser executado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Educo, coa colaboración organizativa e formativa de Mundo Cooperante Galicia, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), Tempo de Loaira e o grupo de Teatro dxs oprimidxs ‘100tolas’.

Para máis información.

María Caride: 981 243 506/ 626 913 681
Montse Fdez.: 610 495 601
Correo electrónico: c.omundoquequeremos@gmail.com
Página web: http://omundoquequeremos.org/
Facebook: https://www.facebook.com/omundoqqueremos/
Twitter: https://twitter.com/omundoqqueremos