Outras novas
11/05/2015
Outras novas

A Campaña Mundial pola Educación de Galicia celebra o seu acto central en Santiago de Compostela coa participación de máis de 150 mozas e mozos galegos

No acto tamén contaremos coa presenza de Jesús Gamallo, Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e de Pilar Romero, Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior.  Neste acto, dinamizado polo grupo de Teatro dx Oprimidx Cen Tolas, realizarase un simulacro de Asemblea das Nacións Unidas na que participarán todos os centros convidados. Ademais, ao longo da sesión, escoitaremos unha mensaxe especial do premio Nobel da Paz Kailash Satyarthi que nos deixou gravada tras o seu paso por Galicia. Campaña Mundial pola Educación (CME), 11 de maio de 2015.- Este ano 2015 é un momento clave. En setembro terá lugar en Nova York a Asemblea Xeral da ONU onde se aprobarán os novos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable que substituirán aos non acadados Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. A Campaña Mundial pola Educación traballa para conseguir que a comunidade internacional firme un compromiso coa educación para todas as persoas, que quede reflectido en metas, indicadores relevantes e en compromisos de financiamento concretos. Estamos, pois, nun momento de balance, de análise dos logros, dos retrocesos e, sobre todo, de reflexión sobre os novos desafíos. O Acto Central da Campaña Mundial pola Educación en Galicia A Campaña Mundial pola Educación é un movemento que busca a incidencia política a través da participación cidadá. Por iso, máis de 150 rapaces e rapazas de distintos puntos da nosa comunidade reivindicarán o cumprimento dos compromisos internacionais para conseguir una educación para todos e todas dende o escenario do Teatro Principal de Santiago de Compostela. A creatividade, o humor e a análise de datos serán as ferramentas que circularán sobre as táboas do escenario nun encontro que pretende facer unha representación libre e orixinal dunha Asemblea das Nacións Unidas. O acto estará dinamizado polo grupo de Teatro
dx Oprimidx Cen Tolas, equipo cunha forte traxectoria de traballo en centros educativos da nosa comunidade; e contará coa presenza institucional de Jesús Gamallo, Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e de Pilar Romero, Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior. Como elemento sorpresa para os nenos e nenas, proxectarase unha mensaxe especial que o premio Nobel da Paz, Kailash Satyarthi, nos deixou gravada tras o seu paso por Galicia. O comprometido activista indio foi cofundador da Campaña Mundial pola Educación, coalición que presidiu durante máis de dez anos e na que participa activamente como membro do seu consello directivo. Esa vinculación coa Campaña fixo que nos deixara unhas palabras de recoñecemento para todos os mozos e mozas galegas comprometidas coa defensa do dereito á educación. O encontro finalizará cunha votación colectiva pola educación, un acto simbólico que coincide co lema da Campaña e coas diferentes chamadas á participación que se vivirán no noso país e a nivel internacional ao longo deste ano. Centros participantes
Contaremos coa presenza de seis centros educativos procedentes de diferentes puntos da comunidade galega:
1. CEIP Nº 2, Tui
2. IES Carlos Casares, Viana do Bolo
3. Colexio Apóstol Santiago, Vigo
4. IES Campo de San Alberto, Noia
5. IES Arcebispo Xelmírez I, Santiago de Compostela
6. IES Eduardo Pondal, Santiago de Compostela
Contacto para obter máis información
Alicia López Fariña: Coordinación da Campaña Mundial pola Educación en Galicia
Cme-galicia@cme-espana.org | 669670016