A Caravana Informativa de Solidaridad Internacional con Nicaragua é unha iniciativa formada por estudantes e cidadanía nicaraguana que está a percorrer distintos países da Unión Europea coa vontade de informar sobre a grave situación que está vivindo o país actualmente.
A través desta caravana informativa preténdese informar á comunidade internacional, actores gobernamentais, ONG, partidos políticos, grupos de sociedade civil, organismos de dereitos humanos e demais persoas sobre o contexto e os motivos destas protestas cívicas, os seus participantes e as súas demandas e denunciar as graves violacións dos dereitos humanos que están a acontecer en Nicaragua.
Segundo a información dos medios de comunicación (e que remiten dende a caravana), Nicaragua enfróntase actualmente a unha importante crise política dende hai xa dous meses, que se iniciou cunhas manifestacións contra unha reforma á seguridade social e que se converteu nun berro nacional que pide a saída do presidente do país, Daniel Ortega.
En dita crise estanse a vivir violentas xornadas de represión nas que se dan numerosas violacións dos dereitos humanos e á liberdade de prensa por parte do Estado, xa sexa a través das forzas policiais ou de grupos de choque afíns ao partido de goberno. A cifra de mortos segue aumentando cada día (287 a día de hoxe).
A gravidade destes feitos motivou á Comisión Interamericana de Dereitos Humanos a solicitar unha visita ao país.
A Caravana Informativa de Solidaridad Internacional con Nicaragua está conformada por Jessica del Socorro Cisneros Poveda e Fidel Ernesto Narváez, que participan dende distintos espazos neste proceso popular.
Jessica del Socorro Cisneros Poveda é licenciada en Deseño Gráfico pola Universidade Centroamericana (UCA) e fundadora do Movimiento Cívico de Juventudes (MCJ), unha organización dirixida por mozos e mozas que promove a inclusión deste sector en iniciativas culturais, políticas, educativas e económicas.
Fidel Ernesto Narváez é abogado e notario público da República de Nicaragua. Foi profesor de Dereito Constitucional e Filosofía na Universidade Politécnica de Nicaragua (UPOLI) e na Universidade Nicaragüense de Estudos Humanistas (UNEH). Estivo dende o principio das protestas estudiantís o 18 de abril e actualmente atópase exiliado.
A Caravana Informativa de Solidaridad Internacional con Nicaragua percorre Galicia do 1 ao 4 de xullo. Ademais de reunións institucionais e entrevistas, terá lugar unha charla informativa o vindeiro 3 de xullo ás 19.00 horas na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña.