Outras novas
04/10/2016
Outras novas

Catro concelleiras achegan boas prácticas en igualdade de xénero a edís mozambicanas

Concelleiras de catro municipios socios Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade achegarán hoxe a súa experiencia en equidade de xénero ás edís e alcaldesas que conforman a Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique. As concelleiras de Igualdade de Lugo, Moaña e San Sadurniño, e mais a edil de Cultura do Concello de Verín participan desde onte no encontro nacional organizado en Maputo polas súas homólogas africanas. Ana G. Abelleira, María Ortega, Ana B. Gundín e Emilia Somoza compartirán boas prácticas no eido das políticas municipais de xénero e darán algunhas claves para favorecer a participación das mulleres na política local.

As catro concelleiras, canda a técnica do Fondo Galego Carmen Novas, áchanse en Mozambique desde o luns, día no que iniciaron o seu percorrido visitando o municipio de Mandlakaze da man da súa alcaldesa e presidenta da RMAM, María Helena Correia, quen xa visitara varios concellos galegos. Alí tiveron a oportunidade de intercambiar impresións non só cos membros da Corporación, que expresaron as súas dificultades para ofrecer os servizos de saúde, educación, arranxo de estradas ou abastecemento de auga, senón tamén con emprendedoras locais ou con mulleres cabeza de familia, unha realidade habitual no país lusófono que adoita levar ás mulleres e ás súas fillas e fillos a unha situación vulnerable.

As edís tamén se desprazaron ao distrito de Boane para coñecer o centro de acollida de menores da Casa do Gaiato e supervisar de primeira man o proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación á Fundação Encontro, que permitiu incrementar de xeito notable as consultas pre e post parto. Alí entrevistáronse coas activistas que ían porta por porta en cada aldea para concienciar ás nais da importancia de levar un control médico. Segundo a concelleira moañesa María Ortega, "é impresionante o traballo que entidades coma esta están a facer con poucos recursos económicos, o seu labor coas diferentes comunidades é indispensable para este país". "O arduo traballo de persoas cooperantes e voluntarias e das organizacións locais permitiume ver, comprender e sentir a pertinencia da cooperación ao desenvolvemento para seguir loitando a prol da igualdade de oportunidades, co fin último de acadar a xustiza social", complementaba a lucense Ana G. Abelleira.
A representante de San Sadurniño, Ana B. Gundín, amosou pola súa banda "a satisfacción de comprobar que a pequena aportación que os concellos fan ao Fondo Galego serve para poñer en marcha pequenos proxectos que contribúen a mellorar a vida de moitas persoas", "aínda que tamén me queda a espiña de ver o moito que falta por avanzar no eido da igualdade, tanto de xénero coma entre estratos sociais", engadía. Emilia Somoza, a edil de Verín, declarouse asemade "esperanzada ao ver que tanta xente está disposta a un gran cambio a favor da humanidade en todos os sentidos, e practicamente a cambio de nada".

Dúas técnicas doutros tantos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade atópanse tamén en Mozambique para participar en Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional destinado ao persoal técnico da administración local. A directora do Centro de Información á Muller do Concello de Ourense, Malena de Jesús, estivo colaborando na organización do encontro da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. Mónica Mourín, traballadora social do Concello de Bergondo, coopera na área de acción social da Fundação Encontro. As súas vivencias poden seguirse no blog https://vacacionscontraballo.wordpress.com.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Para máis información, imaxes ou xestión de entrevistas, poñédevos en contacto connosco:

Pontevedra: 986 843 436 (Ánxelo)
acorzo@igadi.org

Mozambique: 0034 616 145 077 (Carmen)
comunicacion@fondogalego.org