
O día 13 de xullo, Clara Presedo, bolseira da Xunta de Galicia na OTC da República Dominicana, visitou o proxecto: “Promover o acceso a un hábitat seguro e sustentable, e mellorar os mecanismos locais de defensa e protección dos Dereitos Humanos e das mulleres que mitiguen os impactos do Covid-19 nas comunidades de Cubana, A Balsa e Oliveirais, municipio Ramón Santana, provincia San Pedro de Macorís, República Dominicana”
Proxecto financiado pola Xunta de Galicia, Cooperación Galega
Entidades españolas: Asemblea de Cooperación pola Paz en agrupación con AGARESO
Contraparte local: IDAC (Instituto de Acción Comunitaria)
Obxectivo xeral: Garantir o dereito a unha vivenda digna e a unha vida libre de violencias para as mulleres de Ramón Santana
A visita realizouse co acompañamento de Rafael Palomino, representante de ACPP na rexión do Caribe, así como de persoal técnico de IDAC.
En primeiro lugar levouse a cabo unha reunión no centro comunitario do batey A Balsa con varios homes que recibiron formación sobre Novas Masculinidades. Contaron a súa experiencia e como aos poucos foron descubrindo que tiñan comportamentos homófobos, machistas cara á súa parella e nalgunhas ocasións mesmo violentos. Explicaron como foi para eles o proceso de modificación da súa conduta. Hoxe en día, son líderes comunitarios que supoñen un efecto multiplicador da formación recibida na súa comunidade.
Despois, tivo lugar un encontro coa alcaldesa do municipio Ramón Santana, Santa Cecilia Valdez. Tratáronse as principais necesidades do municipio, e xurdiu o tema de como a inflación actual está a repercutir nas comunidades.
Visitouse tamén o batey A Cubana, lugar no que se construíron vivendas para as familias en situación de maior vulnerabilidade. Actualmente hai outras vivendas en construción e un parque (o proxecto entende o hábitat nun sentido amplo, vendo a necesidade de incluír espazos sociais e ao aire libre).
Por último, realizouse un breve conversatorio con mulleres lideresas voluntarias dos bateyes que asumen o rol de promotoras de saúde e defensoras de Dereitos Humanos. Estas mulleres tamén axudan a detectar posibles casos de violencia de xénero e apoian no proceso de presentar a denuncia se a vítima decide facelo.