Preto de 300 mozas e mozos achegáronse á fotografía como ferramenta de transformación social nos obradoiros impartidos polo fotoxornalista Felipe Carnotto en dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A actividade de sensibilización conclúe hoxe ás 12 horas no Centro Cultural da Guarda, tras pasar ao longo dos últimos catro meses por Xove, Redondela, Teo, Cuntis, Lugo, Lousame, Mugardos, Burela e Fene.
O programa aborda asemade a historia da fotografía documental, a definición do fotoxornalismo ou o respecto polas persoas fotografadas. No transcurso das sesións, que incluíron prácticas nas que o alumnado tirou as súas propias fotografías co teléfono móbil, visionouse asemade o traballo realizado por Carnotto na ruta das persoas refuxiadas e tamén en Nicaragua, país ao que viaxou para visibilizar os proxectos do Fondo Galego tras gañar o certame Imaxes con Fondo II. Nestes intres, está aberta na páxina do Fondo Galego en Facebook a votación online da terceira edición, que xirou arredor da interculturalidade.
Promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe, é o obxectivo tanto do concurso como da exposición ‘Imaxes con Fondo’, conformada por 19 obras que concorreron na primeira convocatoria. A mostra, deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, acompañou os obradoiros de fotografía social e entre o 5 e o 20 de decembro instalarase na Casa do Concello da Guarda, nunha aposta por concienciar sobre as condutas respectuosas coa contorna e coas persoas que nela habitan. A solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, a protección ambiental, o consumismo, a prostitución, a explotación laboral, a crise alimentaria e as desigualdades Norte-Sur son algunhas das temáticas abordadas.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.