
- Cinco ONG traballarán durante todo o ano co estudantado galego
- O alumnado reflexionará sobre a desigualdade global e local e construirá os seus propios discursos para combatela
- Xogos de rol, obradoiros de radio, vídeo, teatro e a visita aos centros educativos de activistas de países onde traballa a Cooperación Galega, darán forma ao proxecto
Comeza unha gran aventura para os máis de 550 alumnos e alumnas galegas, que este ano participan cos seus centros no proxecto ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’.
O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca dentro da Educación para a Cidadanía Global, é que o alumnado coñeza as problemáticas que afectan aos países empobrecidos, pero tamén ao seu propio entorno, a través de dinámicas innovadoras como xogos de rol, obradoiros de radio e vídeo, teatro, ou a visita ás súas escolas de persoas que traballan para mellorar as condicións de vida nos seus países co apoio da Cooperación Galega.
A participación do alumnado na procura de solucións ante estas problemáticas tamén é unha pedra angular de O Mundo Que Queremos, que porá a súa disposición distintas ferramentas para que eles e elas contribúan á loita contra a desigualdade global e local, creando as súas propias mensaxes e levando a cabo accións de visibilización e denuncia.
O Mundo que Queremos leva xa seis anos achegando a realidade dos países do Sur ao alumnado de secundaria, grazas á unión de cinco ong: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteir@s Solidari@s (Agareso), Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), Educo, e o colectivo 100Tolas, coa financiación do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
Nesta sexta edición os centros educativos que se suman á aventura son o IES Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas, o IES Sofía Casanova de Ferrol, o IES Campo San Alberto de Noia e o CPI Zas na provincia da Coruña. A representación pontevedresa estará a cargo dos centros IES A Chapela de Redondela e o CPI A Cañiza e na provincia de Lugo participarán o CPI Luis Diaz Moreno de Baralla e o CPI Dr López Suarez no Saviñao.
Durante este mes de decembro terá lugar a primeira parada de O Mundo que Queremos. Dinámicas como os xogos de rol facilitarán o debate e a reflexión sobre temas como a desigualdade de xénero, o desenvolvemento sostible ou a corresponsabilidade. A segunda e terceira parada xa chegarán nos meses de xaneiro e febreiro, cos obradoiros de radio e vídeo. No mes de marzo o alumnado porase na pel dunha muller migrante, grazas á técnica do Teatro Foro. En abril recibirán a visita de dúas persoas que traballan dende os seus paises para transformar a realidade. A través das súas experiencias vitais contaranlle ao alumnado como loitan contra a desigualdade dende as súas comunidades e intentarán desmontar moitos dos prexuízos que existen sobre os países empobrecidos.
A traca final será a presentación de todo o traballo feito durante o ano nos diferentes concellos dos centros educativos no mes de maio. Estas presentacións teñen o obxectivo de amplificar as mensaxes elaboradas polo alumnado e convidar ao resto da comunidade a coñecelas e tomar partido.
"Cooperación Galega: O mundo queremos" é un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.