Outras novas
18/12/2008
Outras novas

DECLARACION DO 2009 COMO ANO INTERNACIONAL DA APRENDIZAXE DOS DEREITOS HUMANOS

A Asemblea Xeral decide proclamar este ano 2009 co obxectivo de realizar actividades para ampliar e profundar na aprendizaxe dos dereitos humanos como forma de vida, baseándose nos principios de universalidade, imparcialidade, obxectividade e non selectividade, e de diálogo e cooperación contructivos entre os países, con miras a intensificar a promoción e a protección de tódolos dereitos humanos e os dereitos civís, políticos, económicos, sociais e culturais, incluído o dereito ó desenvolvemento. Decide tamén, entre outros aspectos, que o Consello de Dereitos Humanos coordine esta aprendizaxe entre os Estados Membros e dentro do sistema de Nacións Unidas. Exhorta ós Estados a que cooperen entre si nesta tarefa e que organicen actos que garantan o coñecemento e a aplicación dos dereitos humanos.

Esta proclamación resulta especialmente oportuna por canto que en Galicia estase a aplicar, por primeira vez, a nova materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos en 2º e 4º da ESO e o curso que ven empezará a súa aplicación en 6º de Primaria. O Seminario Galego de Educación para a Paz, que xa dedicara tódalas súas iniciativas correspondentes a este curso 2008-2009, á sensibilizar arredor da “Pedagoxía dos dereitos humanos”, síntese gratamente satisfeito da devandita Declaración e redobrará os seus esforzos no ano que comeza a esta celebración, tanto no Día Escolar pola Paz, o 30 de Xaneiro, como nos XXIV Encontros de Educación para a Paz (12, 13 e 14 de Marzo) que serán, precisamente, sobre a pedagoxía dos dereitos humanos, coas intervencións confirmadas de Dª Amada Benavides, comisionada de dereitos humanos da ONU, D. Luis Acebal, vicepresidente da Asociación pro Dereitos Humanos, D. Antonio Domenéch, filósofo e director de Sen Permiso, ou José Antonio Martín Pallín, Maxistrado do Tribunal Supremo.

máis información:www.sgep.org

fonte: Fundación Cultura e Paz