Outras novas
14/10/2008
Outras novas

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO FONDO GALEGO SOBRE A POBREZA

En 1992, a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas declarou o 17 de outubro como Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, co obxecto de criar conciencia sobre a importancia de erradicar a pobreza e a indixencia en todos os países, en particular nos países en desenvolvemento, obxectivo que se converteu nunha prioridade do desenvolvemento durante a década de 1990.

Ese obxectivo soamente pode ser levado a cabo co impulso de actividades nos planos local, estatal e internacional, con implicación das Administracións a todos os niveis, e da opinión pública, para xerar unha maior conciencia acerca da importancia que ten a erradicación da pobreza en relación coa consolidación da paz e a consecución dun desenvolvemento sostible.

Este 17 de outubro, millóns de persoas e de entidades en todo o planeta reclamarán dos líderes mundiais o cumprimento da promesa de lograr os Obxectivos do Milenio en 2015. Tamén en Galicia. No ano 2000, a comunidade internacional fixo unha promesa: acabar coa pobreza antes do 2015. Oito anos máis tarde, 50.000 persoas morren diariamente como consecuencia da súa extrema miseria e a distancia entre pobres e ricos segue a crecer. Non obstante, dispoñemos da capacidade para mudar esta realidade e ata de logralo no prazo fixado.

O Fondo Galego, como recolle a súa Declaración Programática, postula unha cooperación entendida como método e estratexia para vertebrar a solidariedade cos pobos e sociedades máis desfavorecidas, comprometendo, impulsando e propiciando a creación dun tecido solidario en cada poboación de xeito que se abra camiño a esixencia dunha nova orde económica internacional máis xusta e a erradicación daquelas trabas e impedimentos que dificultan a eliminación da pobreza e as desigualdades.

FONTE: FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE