Outras novas
10/04/2026
Outras novas

Dúas rapeiras feministas de El Salvador achegan a súa música a catro IES de Galicia

       - Centros de Moaña, Ames, Muxía e Ponteceso acollen a visita 

       - Activistas polo Mundo que Queremos cumpre 13 edicións 

Centos de estudantes de catro IES de Galicia reciben estes días a visita de dúas activistas salvadoreñas que defenden a igualdade de xénero a través da súa música. As integrantes do colectivo Hip Hop Femenino El Salvador, primeira organización de mulleres rapeiras do país, participan nesta actividade encadrada no proxecto de Educación para o Cambio Social Activistas polo Mundo Que Queremos, que chega este ano á súa 13ª edición.

O obxectivo deste encontro co alumnado do IES A Paralaia, de Moaña; do IES Milladoiro, de Ames; do IES Ramón Caamaño, de Muxía; e do IES Eduardo Pondal, de Ponteceso, consiste en achegar á mocidade o relato das persoas que traballan coa Cooperación Galega e favorecer na xuventude unha reflexión sobre as realidades que afronta a cidadanía dos países empobrecidos.

Hip hop Femenino El Salvador leva máis dunha década de traballo dentro do movemento feminista, colaborando con distintas organizacións en faladoiros, obradoiros e concertos en defensa dos dereitos humanos e, de forma específica, dos dereitos sexuais e reprodutivos. As dúas rapeiras deste colectivo que visitan a nosa terra son Yezli Mic e QueenMc, compositoras e activistas cuxos alcumes en redes sociais son @yezli_mic e @queen_rap_. As súas letras baséanse nas realidades sociais das mozas do seu país, empregando o hip hop como unha ferramenta para o activismo, a promoción da cultura de paz e a loita contra os diferentes tipos de violencia contra a muller.

Ademais das actividades nos centros educativos, Yezli Mic e QueenMc visitan ao voluntariado das organizacións que participan en Activistas polo mundo que queremos, así como á Cooperación Galega, financiadora deste proxecto. Froito desta colaboración, as ONGD galegas traballan con organizacións salvadoreñas que apoian á cidadanía na mellora das dúas condicións de vida.

No marco deste proxecto, o alumnado mergúllase ao longo do curso no significado do activismo. A través de oito sesións, as e os estudantes coñecen a trascendencia das persoas que combaten as inxustizas tanto nas súas contornas locais coma noutras partes do mundo, forman a súa ollada crítica e gravan os seus propios programas de radio para denunciar o machismo, a xenofobia ou a lgbtifobia aínda presentes na sociedade. Coa visita das mozas rapeiras salvadoreñas, a mocidade conecta as desigualdades identificadas no local coas da cidadanía estranxeira.

A décimo terceira edición de Activistas polo Mundo que queremos é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Parte importante deste programa consiste na difusión, á que están convidados a participar os medios de comunicación.