
- Os encontros forman parte do proxecto de educación para o desenvolvemento ”Cooperacion Galega: O Mundo que Queremos”
- O obxectivo é que máis de cincocentos estudiantes coñezan a realidade dos países empobrecidos dende a voz das súas propias protagonistas
Seis institutos galegos que forman parte do proxecto de Educación para o Desenvolvemento Cooperacion Galega: O Mundo Que Queremos reciben durante estes días a visita de dúas mulleres hondureñas, referentes da loita contra a desigualdade de xénero no seu país: Érika García e Diana Guillén.
O obxectivo destes encontros é que máis de cincocentos alumnos e alumnas da Coruña, Pastoriza, Marín, Vilagarcía e Brión coñezan de primeira man a realidade dun dos países que recibe o apoio da Cooperación Galega.
Ademáis de realizar charlas nos centros educativos, as dúas activistas acudirán tamén ao Seminario de Xornalismo Social da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, impartirán charlas abertas en Ourense (na tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia) e en Santiago na Libraría de Mulleres Lila de Lilith, e reuniranse cos representantes de Cooperación Galega, financiadores deste proxecto..
Esta é a penúltima fase do proxecto Cooperacion Galega: O Mundo que Queremos, no que o alumnado xa recibiu un primeiro obradoiro introductorio sobre as desigualdades Norte-Sur, obradoiros de radio e fotografía para aprender a utilizar estas ferramentas para facer denuncia social e unha sesión de Teatro-foro para reflexionar sobre a problemática migratoria e a desigualdade de xénero. Todo o proceso rematará no mes de maio cunha acción de visibilización feita polo alumnado que dea a coñecer os problemas que afectan ao seu instituto, barrio, pobo ou contorna próxima.
Axenda da visita:
LUNS 16
12h30 Reunión con representantes da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia
MARTES 17
- 12h20-14h00 Charla no IES Fernando Wirtz de A Coruña
- 20h Charla-coloquio na Libraría de Mulleres Lila de Lilith de Santiago ( Intercambio de experiencias e aprendizaxes entre Feminismos Latinoamericanos e Feminismos Galegos)
MÉRCORES 18
- 8h30-13h10 Charla no CPR Fogar de Santa Margarida da Coruña
- 16h-18h Participación no Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional da Universidade de Santiago de Compostela
XOVES 19
- 11h45 a 13h35 Charla no CPR La Inmaculada de Marín
- 19h00 Charla-Coloquio en Ourense: Tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional Galicia
VENRES 20
- 10h15-12h00 Charla no IES Brión
- 12h00-13h00 A radio escolar “Enbrión” entrevista as dúas activistas.
Máis información sobre as compañeiras que nos visitan:
Érika García e Diana Guillén posuen unha dilatada traxectoria de militancia feminista, especialmente en movementos estudantís. Imparten formacións e acompañan a distintas organizacións de mulleres en Honduras. Érika García traballa con mulleres universitarias desenvolvendo accións artísticas e performances, e Diana Guillén forma ás mulleres obreiras das maquilas nos seus dereitos sindicais e laborais. Dous perfís moi diferentes integrados na área de liderazgos do CENTRO DE DEREITOS DE MULLERES (CDM) unha das máis importantes organizacións feministas hondureñas recoñecida nacional e internacionalmente polo seu traballo na promoción e defensa dos dereitos humanos, e en especial das mulleres.
As ONGD galegas que teñen proxectos de cooperación en Honduras, como Asemblea de Cooperación pola Paz, traballan man a man con organizacións locais como o CDM para contribuír a xerar as condicións necesarias para que a cidadanía se empodere e se organice na procura do seu propio desenvolvemento, e así finalmente equilibrar os altos niveis de desigualdade estructural que se dan neste momento no país.
‘Cooperación Galega: O mundo queremos’ é un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e que forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.