
- O Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ abordará os días 10 e 11 de decembro o rol das donas no poder local e os desafíos que enfrontan
- O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza as xornadas, cofinanciadas polo Concello da Coruña, a Deputación Provincial e a Fegamp
Pontevedra, 18 de novembro de 2024. O Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ reunirá os días 10 e 11 de decembro na Coruña a alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique, Brasil, Galicia e outros puntos do Estado co fin de poñer en valor o papel das donas no poder local e compartir os desafíos que enfrontan. O Pazo de María Pita e o Palexco acollerán este espazo de sororidade, diálogo e colaboración organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co apoio do Concello da Coruña, a Deputación Provincial e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).