Oito ONG's participan no Encontro de Comercio Xusto, organizado pola dirección xeral de Xuventude. O obxectivo deste encontro, que presentou o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, é promover os valores da solidariedade e da participación entre a sociedade. O Encontro de Comercio Xusto contará coa participación de oito ONG's que exporán os seus produtos durante a próxima semana nos stands que estarán situados na Praza do Toural. Ofrecerán ademais degustacións de balde á cidadanía que se achegue a esta praza.
Esta actividade compleméntase coa celebración de varias conferencias, proxeccións de documentais e exposicións nas que se reflectirán diferentes aspectos relacionados con esta temática.
O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, explicou que este Encontro de Comercio Xusto enmárcase no ciclo Conversas Con..., organizado pola dirección xeral de Xuventude. Segundo explicou, este ciclo de conferencias pretende, por un lado, traer a Galiza persas recoñecidas pola súa labor no ámbito da loita social e, por outro, darlle máis protagonismo ao papel das ONG's, tal como xa se recolle no Plan Galego de Voluntariado 2007-2010.
Actividades Ademais dos stands con produtos de comercio xusto que estarán abertos ao público entre o luns e o sábado desta semana, terán lugar outras actividades complementarias como conferencias ou proxeccións de documentais.
O día 19 a ONG Amarante organiza unha conferencia, ás 19,00 sobre "Consumo S.O.S. tible" e presenta o anuario "El Comercio Justo en España 07". Para o venres 21 está prevista, tamén ás 19,00 horas, a conferencia "Café con leite" a cargo de Panxea. O sábado 22 terá lugar a terceira das conferencias, á mesma hora, sobre "alternativas de consumo responsable en Galiza".
Ademais de conferencias, haberá tamén proxeccións de documentais. O martes 18, aquelas persoas que se acheguen ao Pazo de Bendaña poderán ver, ás 19,00, o documental "La minería es un monstruo grande y pisa fuerte", mentres que o día 20 ás 17,00 horas proxectarase o documental "China Blue".
Durante toda a semana mostrarase ao público no stand de Amarante, a exposición "Os fíos da Moda", mentres que A Cova da Terra, organiza a mostra "Comercio xusto é..."