Outras novas
23/04/2015
Outras novas

Este venres 24 de abril remata o prazo para inscribirse no XANELA ABERTA de AMARANTE SETEM

Ata o venres 24 de abril estará aberta a posibilidade de inscribirse no programa Xanela Aberta deste ano que xa inicia camiño este mesmo sábado 25 de abril en Compostela cunha xornada completa onde compartir e xerar coñecemento de xeito colectivo contando coa colaboración de colectivos e persoas que aportarán o seu saber e experiencia concreta en torno á educación e o territorio na Galiza.

O punto de partida desta nova edición do Xanela Aberta xirará en torno aos xeitos en que a creamos comunidade nos lugares que vivimos, reflexionando sobre as posibilidades educativas que nos ofrecen. Un programa educativo para ese outro mundo posíbel que este ano pretende ser espazo de encontro para a reflexión e aprendizaxe en torno á Educación e o Territorio, onde coñecer experiencias locais e globais ao redor da Pedagoxía da terra.

Para isto, desenvolverase un proceso participativo onde as persoas participantes compartirán espazos de discusión con organizacións e movementos sociais da Galiza, para a construción de coñecemento en torno aos seguintes eixos temáticos:

1. Organización social e territorio
2. Problemáticas territoriais na Galiza
3. Organización social e defensa do territorio
4. Pedagoxía e activismo social pola defensa do territorio

- Coñeceremos a experiencia socioeducativa do Centro de Desenvolvemento Rural de O Viso (Lodoselo, Ourense) e do CPI de Virxe da Cela (Monfero, Coruña).

- Contaremos coa participación de persoas vinculadas a movementos e organizacións internacionais que aportarán coñecemento en torno á Pedagoxía da Terra noutros territorios e comunidades.

Finalmente, as persoas participantes en todas as xornadas terán a posibilidade de viaxar ao Brasil co Movimento Sem Terra para coñecer directamente a loita polo dereito á terra, onde a defensa e o coidado da mesma articúlanse no labor educativo que desenvolven a nivel institucional e comunitario.

Se estás interesada en participar no programa completo ou nalgunha das xornadas, envía os teus datos a: educacion@amarantesetem.org

A inscrición no programa é gratuíta, mais os gastos de desprazamento, manutención e aloxamento durante as xornadas formativas serán asumidos a modo de "bote común" entre todas as persoas inscritas.

E para ir abrindo boca.... xa podedes ollar o video que recén estrea o Xanela Aberta para achegar o que será esta nova edición coa que queremos camiñar... rumbo a unha Pedagoxía da Terra na Galiza.

Anímaste a formar parte desta experiencia?

 

 

 

PROGRAMA FORMATIVO

Xornada I:

25 de Abril. Centro Sociocultural de Conxo, Compostela.
O territorio como espazo organizado dende diferentes dimensións e implicacións socioeconómicas. Problemáticas territoriais e educación: cara unha pedagoxía da terra.

Xornada II:

9-10 de Maio. CDR O Viso, Lodoselo. Ourense
A comunidade e o feito educativo como un proxecto socio económico. Coñecemento, convivencia e reflexión no C.D.R O Viso, Lodoselo, Ourense.

Xornada III:

16 de Maio. Centro Sociocultural de Conxo, Compostela.
Análise de experiencias educativas noutros países. Movementos pola defensa da terra.

Xornada IV:

6-7 de Xuño. Monfero. A Coruña
A escola na Galiza como dinamizadora da comunidade e como elemento revalorizador do patrimonio natural e cultural da contorna na que se insire. A experiencia do CPI Virxe da Cela en Monfero.

Atopa ou solicita máis info:

Blogue: http://xanelaaberta.wordpress.com
Web: www.amarantesetem.org
Facebook: Amarante Setem
Correo: educacion@amarantesetem.org