
No marco dos convenios "Identificación e creación de mecanismos para afrontar a violencia de adolescentes e mulleres refuxiadas na fronteira sur de México" executado por Entreculturas e Servicio Jesuita a Refugiados (SJR) e "Persoas que se moven: as violencias de xénero que afectan as mulleres, nenas, nenos, poboación LGBTI e indíxenas no proceso migratorio mesoamericano" executado por Médicos do Mundo, e financiados pola Cooperación Galega, realizouse unha visita de seguimento ás súas actividades en Tapachula (México) en decembro de 2019. Estes convenios inscríbense na execución do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, no que a Xunta de Galicia asinou 8 convenios por un total de 500.000 € que poñen en marcha accións contra a violencia de xénero e a promoción da igualdade entre mulleres e homes entre a poboación refuxiada e desprazada de distintas partes do mundo.
Por unha banda, o proxecto executado por Entreculturas-SJR en Tapachula, ten como obxectivo específico contribuír ao empoderamento de mulleres adultas e menores solicitantes da condición de refuxio e refuxiadas na identificación e creación de mecanismos para afrontar a violencia.
Durante a visita ás instalacións do SJR puidéronse presenciar diferentes talleres e actividades de grupos de mulleres solicitantes de asilo e refuxiadas en Tapachula. Estes talleres e actividades permitiron que as mulleres solicitantes de asilo ou refuxiadas visitantes do espazo, desenvolvan unha rede de confianza entre elas na que apoiarse durante o seu proceso migratorio, así como a creación de mecanismos para afrontar as diferentes violencias de xénero vividas, con apoio do persoal xurídico e psicosocial do SJR de Tapachula.
Doutra banda, o proxecto executado por Médicos do Mundo, ten como obxectivo específico impulsar o coñecemento sobre a situación das violencias contra as mulleres, nenas, nenos e poboacións LGBTI e indíxenas no tránsito migratorio mesoamericano, para unha mellor e maior resposta da Cooperación internacional, a través de recolleitar e publicar información por distintos medios ou soportes técnicos: gráfico, visual e multimedia. Os principais produtos obtidos por MdM en colaboración co xornal El Faro foron unha exposición fotográfica itinerante, conversatorios con estreas en Mexico, Guatemala, Honduras e O Salvador, así como un ensaio xornalístico de Eileen Truax.
Visitouse a exposición fotográfica no Museo Municipal de Tapachula, así como no Centro Cultural de España en Guatemala. As fotografías recollidas nesta exposición, así como as historias dos seus protagonistas, lograron reflectir o impacto das violencias de xénero no tránsito migratorio Mesoamericano, co obxectivo de que a Cooperación Internacional se implique e impulse unha resposta integral na rexión.
Nota elaborada por Lidia Fernández Belmar, bolseira da Xunta de Galicia con destino na Oficina Técnica da Cooperación Española en Guatemala, no marco da Orde do 14 de maio de 2019, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e convócanse para o ano 2019 (DOG núm. 100, do 28 de maio).