Outras novas
19/02/2019
Outras novas

Expertos abordan en Santiago como superar a invisibilidade da muller en dereito global á saúde

  • Farmamundi Galicia organiza este seminario, gratuíto e aberto a todo o público, os días 21 e 22 de febreiro na Facultade de Farmacia da USC
  • Participarán representantes de Ongs, como Médicos do Mundo e Farmamundi, que explicarán que se está facendo fronte a estes problemas relativos á saúde
  • Tamén a Coordinadora da Rede de Mulleres Profesionais da Saúde de Cataluña, Margarita López Carrillo, quen considera que hai moito sesgo na investigación xa que "sempre se tomou ao home como patrón e as mulleres somos diferentes"
  • O experto en saúde pública, Fernando Lamata, asegurou que o medicamento "é un dereito humano e non un produto financeiro para especular"

 

A ONG Farmamundi Galicia organizou para os días 21 e 22 de febreiro en Santiago de Compostela o seminario Dereito á Saúde con Equidade co obxectivo de poñer de manifesto a necesidade de avanzar na igualdade de xénero e o acceso xusto aos medicamentos na esfera da saúde pública global.

A cita terá lugar na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a ela acudirán expertos como a vicedecana da Facultade de Farmacia, Reyes Lagoa e a delegada de Farmamundi Galicia, Beatriz Villarquide, que serán as encargadas de abrir o acto, o xoves 21 de febreiro ás 16.00 horas. Entre as diversas temáticas, este seminario gratuíto no que colabora a Xunta de Galicia, a USC e Cooperación Galega, abordará as patentes no acceso a medicamentos esenciais, e os dereitos ligados á equidade na saúde da muller.

Así, Fernando Lamata, experto en saúde pública, reflexionará sobre O acceso xusto aos medicamentos e a barreira das patentes. Lamata asegurou que o medicamento "é un dereito humano e non un produto financeiro para especular" e denunciou "que os altos prezos dos medicamentos e o exceso de beneficio das compañías farmacéuticas causan un verdadeiro xenocidio". 

A última intervención do día correrá a cargo de Guillermo López, director da Área Loxística Humanitaria de Farmamundi, que explicará como leva a cabo a Subministración de medicamentos e material sanitario en contextos humanitarios.

Na xornada do venres, 22 de febreiro, celebrarase unha mesa redonda, baixo o título Organizacións Sociais no acceso á saúde. Será moderada polo director da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia), Xosé Cuns e contará con Inés Fernández de Córdoba, de Médicos do Mundo, Quique Costa, da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, e Mercedes Risco, da Asociación Mulleres para a Saúde.

Pechará o seminario Margarita López, responsable de investigación do Centro de Análise e Programas Sanitarios, quen poñerá sobre a mesa como superar a  "invisibilidade da muller no ámbito da saúde". E é que, segundo explica, ata a década dos noventa, non se empezou a incluír á muller en ensaios clínicos. "Hai moito sesgo na investigación, sempre se tomou ao home como patrón e as mulleres somos diferentes".

Este seminario está dirixido tanto ao ámbito universitario, como a profesionais da saúde, representantes de organizacións e redes que traballan a favor dos dereitos da saúde global, persoal de igualdade e cooperación ao desenvolvemento, así como a toda persoa ou organización que teña interese nesta temática.