Outras novas
03/06/2019
Outras novas

A exposición colectiva dos e das estudantes da Escola de Arte e Tempo Libre do Barrio Santa Lucía atrae a gran número de asistentes na Casa de Arte de Santiago

O pasado venres 24 de maio inaugurouse unha exposición colectiva na Casa de Arte de Santiago de los Caballeros na que os nenos, nenas e mozas que asisten normalmente ás clases da Escola de Arte e Tempo Libre Mauro Lorenzo do Barrio Santa Lucía puideron mostrar o seu talento como artistas e o traballo realizado nestes meses de ensaios e clases.

A Escola de Arte e Tempo Libre comezou a funcionar durante o primeiro proxecto que executaron no Barrio Santa Lucía en 2017 e 2018 a Fundación Balms para a Infancia, Fundación Solidariedade e CIDEL, cofinanciado pola Xunta de Galicia: “Barrio Santa Lucía: Por unha educación inclusiva de calidade”. A idea de crear no barrio unha Escola de Arte estaba baseada unha análise previa da Xunta de Galicia vinculado ao programa de  mejoramiento do barrio Santa Lucía.

Coa posta en marcha da segunda fase do proxecto o pasado ano decidiuse continuar apoiando á Escola de Arte e Tempo libre para seguir apostando pola formación alternativa de forma que incida nun maior nivel educativo e uns menores niveis de deserción escolar.

Actualmente na escola se realizan cursos en áreas que se detectaron de principal interese na poboación: teatro, danza, reciclaxe, pintura, etc. De forma transversal en todas as actividades trabállase tamén o respecto ao medio ambiente, á diversidade cultural e a igualdade de xénero. A Escola de Arte e Tempo Libre funciona no Centro Comunal Mauro Lorenzo ofrecendo talleres de danza, teatro, música, debuxo, pintura e artesanía e reciclaxe.

Nos talleres participan 104 nenos e nenas dos centros educativos Integral Cometas de Esperanza e Teresa Pena  Silverio. Os talleres en arte e cultura relaciónanse cunha maior atención educativa, á vez que posibilitan que nenos, nenas e mozas teñan actividades de formación que lles permitan continuar co seu desenvolvemento integral.

A exposición colectiva na Casa de arte, que se poderá visitar ata o día 3 de xuño, serve ás e os novos artistas para mostrar todo o aprendido neste proceso e demostrar o seu talento. Ademais da mostra de debuxo e pintura, durante a inauguración as persoas asistentes puideron gozar dunha actuación do grupo de teatro e das alumnas e alumnos da clase de frauta doce entre outras.