Outras novas
31/05/2018
Outras novas

Felipe Rosario, beneficiario de Cooperación Galega a través do Programa Integral de Melloramento do Barrio Santa Lucía 2008-2011, é recibido pola súa Maxestade a Raíña Dona Letizia en República Dominicana

A súa Maxestade a Raíña Dona Letizia visitou República Dominicana os días 21 e 22 de maio, acompañada polo secretario de Estado de Cooperación Internacional e para Iberoamérica, Fernando García Casas, na súa terceira viaxe de Cooperación para o Desenvolvemento. Durante estes dous días en República Dominicana, Dona Letizia puido coñecer diferentes proxectos que a Cooperación Española levou a cabo no país durante os últimos anos.

Aproveitando o 30 aniversario da Cooperación Española en República Dominicana realizouse no Centro Cultural de España en Santo Domingo un acto presidido pola súa Maxestade a Raíña para conmemorar a presenza da Cooperación Española no país. Neste acto, que contou con representantes da Oficina Técnica de Cooperación en Dominicana, de organizacións non gobernamentais españolas e de organismos internacionais presentes no país, houbo unha especial mención a dez beneficiarios aos que a Cooperación Española contribuíu no seu desenvolvemento persoal e profesional grazas a diferentes proxectos nos que participaron.

Felipe Rosario foi un dos dez beneficiarios que Dona Letizia recibiu e saudou con especial atención. Felipe foi beneficiario do Programa de Fortalecemento Institucional das Organizacións da Sociedade Civil (FIOSC) executado pola Fundación Solidariedade a través dun dos catro compoñentes do Programa Integral de Melloramiento do Barrio Santa Lucía, financiado e executado pola Xunta de Galicia xunto a dúas entidades galegas e catro entidades dominicanas entre 2008-2011. Como parte desta intervención realizáronse diversas formacións e capacitacións así como fortalecéronse as organizacións comunitarias de base. O barrio foi dotado de auga potable, mellorada a atención en saúde coa construción dun Centro de Atención Primaria e construído e equipado un centro comunal, entre outras accións.

Felipe Rosario participou en todas as accións do proxecto, electo presidente da Asociación de Recicladores do Vertedoiro de Rafey e do Movemento Nacional de Recicladores da República Dominicana e posteriormente formou parte da Rede Latinoamericana de Recicladores. Na actualidade continúa os seus estudos de Medicina e é unha das persoas activas nos procesos de desenvolvemento do Barrio Santa Lucía que se están promovendo no marco do "Proxecto Mellora da Calidade Educativa de Santa Lucía" executados pola Fundación Solidariedade, Centro Integral para o Desenvolvemento Local e Fundación Balms para a Infancia grazas ao financiamento da Xunta de Galicia.

A presenza de Felipe Rosario nesta acto xunto á súa Maxestade a Raíña Letizia foi un recoñecemento a unha traxectoria de esforzo, de constancia, así como de compromiso social co desenvolvemento do Barrio Santa Lucía e co movemento de defensa dos dereitos e o recoñecemento dos recicladores e recicladoras en América Latina.