A IV edición do IMPL&ÍCATE! tivo, novamente, unha excelente acollida, tanto de público como de recadación. Malia ao temporal, que este ano nos acompañou con máis intensidade que nunca, o Teatro Principal de Compostela encheuse practicamente para gozar da música, o teatro, a danza e as palabras, demostrando unha vez máis o ligadas que están a cultura e a solidariedade en Galicia.
As actuacións estiveron ao máis alto nivel e Implicadas quere facer chegar o seu agradecemento máis profundo e sincero a todas as persoas que quixeron compartir o seu arte coa ONG: Xabier Cordal, Xabier Díaz, Disque Danza, María Do Cebreiro, Marga Do Val, Celso Fernández Sanmartín, The Homens, Celso Parada. e Siesta Continental. E por suposto, salientar o excelente traballo de condución do acto realizado por Luís Tosar, que inicia así un compromiso con Implicadas que é de esperar que sexa longo e frutífero, e Yolanda Castaño, que repite por cuarta vez no papel de presentadora.
Un papel que nesta ocasión non foi o único que lle acaeu, xa que o IMPL&ÍCATE! reservaba unha sorpresa para Yolanda: a concesión do I Premio Implicada do Ano, que a galardoada non sabía que ía recibir. En Implicadas/os No Desenvolvemento quixeron aproveitar a excelente ocasión da celebración do noso décimo aniversario para instaurar este premio anual co que se pretende recoñecer o labor de apoio dunha persoa ou colectivo ao traballo da organización ao longo de todos estes anos.
Por iso non houbo dúbida de que a sorprendida Yolanda Castaño tiña que ser a primeira en recibir o Implicada do Ano, xa que sen ela, as catro edicións do IMPL&ÍCATE! non terían sido posibles. Pero non só cómpre agradecerlle o seu labor de presentadora e de coordinadora do cartel de artistas, senón tamén a súa colaboración no libro de poetas galegas e tamiles Vanakkam/Benvidas, editado por Galaxia en colaboración con Implicadas, senón tamén que aproveite a súa visibilidade pública en cada ocasión posible para compartila coa organización, como a súa xestión para conseguir que se dedicase un dos programas de Cifras e Letras a Implicadas/os No Desenvolvemento.
Como cada ano, os 2.300 € recadados a través da venda de entradas, da fila 0 e da venda de produtos na mesa instalada no recibidor do teatro irán destinados, aos proxectos de desenvolvemento de Implicadas no Sur, neste caso concreto, ao Corredor de Desenvolvemento (localizado no estado de Tamil Nadu, ao sur da India) que pretende establecer unha franxa sen pobreza extrema entre o distrito de Tiruchy e o de Karaikal (sedes de anteriores proxectos de Implicadas e a súa contraparte, PDI) e dará servizo a 32.000 persoas.
FONTE: IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO
FOTO: GABRIEL TIZÓN